Ponteareas | Mediante un comunicado a agrupación Ponteareas en Común entende “como unha mala noticia o pacto de goberno asinado entre o PP e ACIP en Ponteareas”.
En palabras do concelleiro de PeC, Manoel Ucha: “A entrada da dereita localista dota a Nava Castro dunha carta branca para seguir desenvolvendo o antiproxecto para Ponteareas que consistiu en desfacer o feito por anteriores gobernos retrotraendonos décadas no modelo de cidade e á máis que posible perda de fondos millonarios tanto da Unión Europea como da Diputación de Pontevedra.”
Para PeC o aspecto máis nocivo do pacto é a consolidación do proxecto da dereita. Non ten ningunha estratexia para acabar coa falta de oferta de vivenda pública. Tampouco conta cun plan económico axustado á realidade do pobo que non sexan fórmulas antigas como o dubidoso plan da Lomba estando a escasos kilómetros de varios dos polígonos máis importantes de Galicia. Ademais o seu proxecto, ou o seu non-proxecto, nega as perspectivas de futuro para a nosa mocidade que non atopa resposta a ningunha das súas reclamacións e necesidades. En definitiva, fórmulas vellas para os retos actuais.
Segundo o edil dos comúns: “ACiP acaba de certificar a súa verdadeira esencia ao ser capaz de pactar co goberno máis á dereita posible cando tiña outras alternativas. Unha decisión meditada durante meses que non pode agochar xa máis á natureza dun partido cun proxecto orientado aos intereses inmobiliarios e a unha forma de facer política clientelar, alineado coa a súa agora xefe de goberno.”
A asemblea de PeC entende que a súa formación erixese dende xa como a única alternativa política cun proxecto para Ponteareas completamente diferente a todos os gobernos anteriores, fundamentado en garantir todos os dereitos a todas as persoas da vila e das parroquias a través dos servizos e políticas públicas e comezar un desenvolvemento económico alonxado dos intereses das multinacionais e centrado nos potenciais naturais e humanos do concello.
BNG: “é unha volta ao pasado”
A través das súas redes sociais, o BNG Ponteareas tamén afirmou a súa posición ante o pacto PP-ACiP considerando que a vila do Tea “volve ao pasado”.
“Durante 20 anos, Ponteareas estivo paralizada polos intereses persoais que motivaban as fortes disputas internas nos gobernos da dereita ponteareá. Foron vinte anos de traizóns, rupturas e reconciliacións por conveniencia entre quen agora forma o novo goberno tripartito: Nava Castro, Juan Carlos González e Mingos Freitas, xuntos de novo baixo o mesmo paraugas. O acordo de hoxe non colle por sorpresa a ninguén. A pesar de levar anos intentando vender un suposto afastamento do PP, no pasado pleno de investidura Juan Carlos González e o seu grupo decidiron utilizar os seus votos para facilitar a alcaldía a Nava Castro e o Partido Popular. Mesmo así, tardaron cinco meses en chegar a un acordo de goberno porque as súas liortas internas seguen preocupándolles máis que a veciñanza de Ponteareas.
Como principal forza da oposición, dende o BNG traballaremos incansabelmente para que Ponteareas non retroceda, asegurando que as necesidades de todos os veciños e veciñas sexan escoitadas e atendidas e que se desenvolvan os proxectos xa elaborados para mellorar a vida das e dos ponteareáns”.