Foi un nobre e militar galego, fillo de Xoán Núñez Pardo de Cela, o Vello, e de Tareixa Rguez. de Aguiar. Casou con Isabel de Castro, filla do Conde de Lemos e curmá de Isabel a Católica. En 1464 foi alcalde de Viveiro e xustiza e comendador do Bispado de Mondoñedo.
Á morte de Henrique IV de Castela foi un dos poucos nobres galegos que apoiou a Isabel fronte a súa curmá portuguesa e lexítima herdeira, Joana, acusada polos seus inimigos de ser filla de Beltrán de la Cueva e alcumada por iso a Beltranexa. Coa vitoria de Isabel, a Católica, Pardo de Cela foi recompensado coa ratificación de todos os seus privilexios e coa confirmación do seu cargo como alcalde de Viveiro.
Porén o Mariscal (título que ostentaba xa en 1474) non se acomodou á política de control da nobreza galega por parte dos Reis Católicos e empeza a confrontación entre eles. Como a súa vida corría perigo, despois de varias medidas reais hostís cara el, refuxiouse na Frouseira, onde resistiu tres anos ás forzas casteláns, causándolles grandes descalabros.
En 1483 é detido en Castrodouro, Alfoz, onde días despois, o 17 de Nadal, lle cortan a cabeza por “cruel e poderoso”, en palabras do Poder Real. Fernando de Acuña foi cesado como xustiza maior, porén non perdeu o favor real e acabou como vice-rei de Sicilia. Así que o suposto desgusto dos reis pola execución do Mariscal non debeu de ser moito (se é que existiu desgusto algún…).
A súa figura foi mitificada polo pobo e converteuse en símbolo da resistencia da nobreza galega ao control dos Reis Católicos. A lenda fálanos que foi traizoado, que a súa dona conseguira o perdón real, porén foi entretida polas xentes do Bispo de Mondoñedo na Ponte do Pasatempo para dar tempo a que o seu home fose executado. Disque tamén que a súa cabeza deu tres botes no chan da praza de Mondoñedo e que en cada un deles ía dicindo: “credo, credo, credo”.
“A súa figura foi mitificada polo pobo e converteuse en símbolo da resistencia da nobreza galega ao control dos Reis Católicos”
Canda el tamén executaron ao seu fillo lexítimo, Pedro de Miranda Saavedra e Castro. A derradeira resistencia familiar (dunha das súas fillas, Constanza, e o seu esposo) ao poder dos Reis Católicos sería na Terra Chá, no mítico castelo de Vilaxoán, do que só queda a torre da Caldaloba ou da homenaxe, que os poderes públicos se negan a restaurar, facendo caso omiso ás reivindicacións populares: todo moi normal nun país asoballado.