Nos últimos tempos vivimos enfrascados en campañas electorais, en mentiras televisivas, radiofónicas e xornalísticas. Tivemos de todo. Xa facía anos que o Estado Español (España) non se vira asolagado con tanta proposta e contraproposta, tantos salvadores e tantos supostos destrutores. Tivemos de todo como en botica.
Nas primeiras eleccións municipais e autonómicas celebradas en maio pasado os resultados foron moi distintos aos das segundas celebradas en xullo, as eleccións xerais ao Parlamento do Estado, ou sexa, as que levan ao goberno do País.
No primeiro caso a dereita saíu triunfante, Fíxose con varias autonomías, algunhas importantes como Madrid e Valencia, pero nas segundas a cousa xa foi diferente. O PP e VOX xa se vían na Moncloa directamente. Feijóo incluso tiña repartido carteira do seu goberno. Vendeu a pel antes de cazar o zorro. Sen embargo os resultados saían endemoniados. Estamos nos primeiros días de agosto e non sabemos realmente de que cor vai ser o novo goberno.
A dereita mais a ultradereita andiveron rentes de conseguir os 176 deputados para poder nomear ao próximo Presidente do Goberno. Sen embargo, faltándolle uns cantos deputados non poden estender máis a manta. Non teñen de onde sacar eses poucos que lles faltan.
O PP foi a lista máis votada. Certo. Nembargantes Feijóo non pode formar goberno aínda que pequenos partidos como UPN ou Coalición Canaria lles ofrezan os seus dous votos. Polo bando dos socialistas quedaron máis lonxe aínda sumándolle aos deputados de SUMAR. Claro que neste caso a situación, sendo crítica, non é determinante e Pedro Sánchez pode gobernar se concita o interese de todo o arco parlamentario que queda a súa esquerda máis os votos do PNV e tamén, aquí a cousa está brava, de Junts per Cataluña.
Isto é o resumo aritmético da cuestión porque a conclusión moral das eleccións resúltanos realmente escandalosa e triste. Expliquémonos.
“Logo dos resultados das primeiras, as de maio, a dereita estaba que se saía. Xa tiña o País no bote”
Logo dos resultados das primeiras, as de maio, a dereita estaba que se saía. Xa tiña o País no bote, era cousa de pasar as eleccións coma un mero trámite porque os resultados xa se sabían de antemán. Claro que non contaban cos adversarios que tiñan enfronte: Pedro Sánchez e Yolanda Díaz.
Como xa se creían vencedores sen discusión algunha e como os voceiros que maman nos seus ubres lles presentaban un panorama tan folgado e resolto en vez de presentar aos votantes as súas propostas, se é que as tiñan, dedicáronse maioritariamente a insultar, a degradar as relacións políticas entre as diferentes opcións que se presentaban. No caso dos populares podemos observar unha falta de respecto e de educación cívica como non se tiña visto nestas terras dende a Transición.
O presidente do goberno, agora en funcións, chamáronlle de todo. Fixérono culpable da destrución de España que, polo visto, se vai producir dun momento a outro, incluso durante as vacacións como augura a ínclita presidenta da Comunidade madrileña, de meter aos terroristas no goberno (parece que ETA está de novo entre nós e bos se decatarnos), que leva a economía ao desastre, que Europa nos vai tirar das orellas de inmediato, que sei eu; de todas as atrocidades que se lle poden dedicar a un político que non sabe defender ao seu País.
Curiosamente as cousas, que son tozudas, véñenlle dicindo á dereita que todo iso non ocorre; que o País vai “como unha moto” (en palabras de Pedro Sánchez), que o numero de cidadáns empregados é o maior de tódolos tempos; que a economía mellora, etc, o único fallo que, ao meu ver, se lle pode criticar aos últimos gobernantes é que non tiveran as agallas de meterlle mano a fondo aos banqueiros, que se están inchando de beneficios a conta dos pobres cidadáns que non chegan a fin de mes e que non poden pagar as hipotecas; de que non lle meteran man as empresas eléctricas que seguen queimándonos cos prezos da enerxía, aínda que temos as melloras conseguidas por España e Portugal da que, curiosamente Feijóo se burlou como se fora unha broma de mal gusto.
Feijóo está que non se lle achegan os pantalóns ao corpo. Santiago Abascal de VOX xa non sabe se reivindicar Unha Grande y Libre ou de esperar a que escampe. Levou tal susto que tardará en recuperarse. Agora, como unha broma de mal gusto, Feijóo pídelle a Pedro Sánchez que lle deixe gobernar. A súa pouca memoria política non lle avisa que foi Sánchez, precisamente, quen se apartou do seu partido, presentou a dimisión cando os socialistas “de pro”, eses que agora andan polos cenáculos falando de que goberne a lista máis votada, decidiron absterse para que Rajoy puidera gobernar en 2018. Por outra banda parece unha falta de respecto que despois de non aceptar esas regras de xogo en Valencia e outras autonomías cando os máis votados foron os socialistas e, sen embargo, o PP mais VOX conformaron gobernos. En política tamén se debe ter un mínimo de coherencia e respecto cara aos demais contrincantes.
Que vai pasar durante este mes de agosto? Pois verán Vdes. poden pasar varias cousas, unhas máis probables que outras . Por exemplo: o día 17 deste mes que andamos serán constituídas as novas Cortes do Estado, incluída a Mesa do Parlamento. Con toda seguridade será presidida novamente polos socialistas. Seguramente Feijóo presentarase no Parlamento a pedir os 176 votos para ser Presidente. É o que lle esixen os seus conmilitóns aínda sabendo que vai perder. Logo virá “el llanto y crujir de dientes”.
“Que vai pasar durante este mes de agosto? Pois verán Vdes. poden pasar varias cousas, unhas máis probables que outras”
A señora Ayuso xa lle deu unhas cantas pautas a Feijóo. O seu oráculo M:A:R: esta preparando a xogada para que siga o camiño de Casado. Claro que, neste caso, farano doutro xeito: queimarano a fogo lento. Claro que aínda lle queda Galicia que puidera presentarse de novo nas vindeiras eleccións onde quizás lle puidera pasar como en Madrid. Pero iso é outra historia da que nos ocuparemos no seu momento.
A este propósito indicar que en Galicia, esa terra nai que dicía o defunto Cuiña, as cousas non foron tan doadas para os populares. Vexamos un cantos datos: Aznar no ano 2000 conseguiu 890.000 votos en Galicia e non fora presidente da Xunta; o 54.7% e 16 deputados. Feijóo, polo contrario, só conseguiu 680.000 e 13 escanos; un total de 210.000 votos menos. Parece que ao irse aos madriles foi abandonado polo seu desodorizante.
“Pedro Sánchez, seguindo o guión do seu Manual de Resistencia, tentará facerse con tódolos votos á esquerda do PP, de VOX e deses dous pequenos grupos de CC e UPN”
Para rematar, de momento, a falta das novidades deste mes de agosto que serán moitas e variadas, diremos que Pedro Sánchez, seguindo o guión do seu Manual de Resistencia, tentará facerse con tódolos votos á esquerda do PP, de VOX e deses dous pequenos grupos de CC e UPN. Claro que ten que roer o oso duro, por certo de Junts per Cataluña, onde Puigdemont tenta vender caro os votos do seu partido.
Conclusión, que seguramente os cidadáns desta pel de touro chamada España poderán voltar a ver aumentados os seus soldos, os xubilados comprobarán de novo como lles suben as pensións, os estudantes terán nos seus petos cartos para os gastos básicos, os inquilinos notarán melloras nos seus contratos de aluguer e aquí rezamos para que o novo goberno teña iso que ten que ter para meterlle man, pero ata o fondo, a bancos, a eléctricas e a usureiros do aluguer.
De tal maneira que esa riqueza en aumento, segundo non din os que diso entenden, sexa mellor repartida. Que poidamos falar da desaparición dos bancos de alimentos, que nos vexamos a persoas durmindo debaixo das pontes ou nos caixeiros dos bancos, ese que seguramente os deixaron na miseria. Que así sexa.