Mondariz | Máis de 12 anos despois da súa creación, e convertidos nun auténtico fenómeno cultural, Os Bolechas continúan a reinventarse para ofrecerlles aos máis pequenos novas aventuras cheas de diversión. A peculiar familia dos Bolechas nacía no ano 2000 da man do creador galego Pepe Carreiro, que visitará Mondariz o vindeiro sábado, 19 de maio, ás 12 h no Centro Social para conmemorar cos nenos e nenas o Día das Letras Galegas.
Desde o inicio da saga, no ano 2000, as aventuras dos Bolechas foron moi ben acollidas polos máis novos, que se converteron en auténticos seguidores desta serie mesmo antes de saberen ler, grazas ás lecturas dos seus pais. De aí xurdiu unha xeración de nenos que seguiron os Bolechas nas súas diversas coleccións, adaptadas a todos os gustos e idades.
Durante estes anos o ilustrador Pepe Carreiro foi desenvolvendo sensacionais historias para os máis pequenos, sendo responsable de lograr situar no complexo mundo editorial unha saga galega –e en galego– que nada ten que envexar aos grandes éxitos internacionais.
En Mondariz Pepe Carreiro presentará a serie animada dos Bolechas, que vén de presentar con grande éxito a TVG, e debuxará en directo para os máis pequenos, que poderán levar algún dos títulos publicados polo ilustrador para que este llelos asine e dedique.