Oia | José Miranda Treinta, veciño do concello de Oia coñecido como Pepe, ‘o Zapateiro’, celebra hoxe o seu 101 aniversario. Para felicitalo en nome de todo o municipio, a alcaldesa, Cristina Correa, e máis a tenente de alcalde, Carmen María Estévez, achegáronse a facerlle unha visita e agasallalo cunha torta.
José, afincado en Viladesuso, naceu en Torroña (Burgueira) nunha familia de 6 irmáns, 3 homes e 3 mulleres. Traballou duro durante toda a súa vida, especialmente en labores vinculados ao monte, do que é un grande coñecedor. Despois dunha vida de tanto esforzo confesa que “nunca xamais” pensou en chegar aos 101 anos.
Facendo gala dun ánimo, saúde e memoria envexables, o Zapateiro explicou ás representantes municipais que, aínda que coa idade vai perdendo vista, oído e algo de forza nas pernas, a memoria mantena intacta. Aínda lembra “o que facía hai 90 anos”, recordos que, tal e como el mesmo puntualiza, retén na súa cabeza “como se fora onte”. Ademais da memoria, asegura conservar un bo apetito: come de todo e en boas cantidades.
Na actualidade, para pasar o día gústalle “sentar ao sol” e “ver un pouco a televisión”, especialmente os informativos e algunhas actuacións musicais. Pepe (un dos tres veciños maiores de 100 anos que viven actualmente en Oia) celebrou hoxe o seu aniversario cunha comida especial con parte da súa gran familia. Ten 4 fillos, 8 netos, 12 bisnetos e media ducia de tataranetos.