Verdadeiramente a xuntanza entre os presidentes dos Gobernos galego e do Estado do venres 20-S foi ben decepcionante. Como adoita pasar, pola beira do Goberno central, Pedro Sánchez amosou fondo descoñecemento e grande desleixo polos problemas do noso país. Mais Alfonso Rueda subordinou os intereses galegos aos de Núñez Feijóo e o PP estatal, amosando de vez que a súa suposta autonomía remata na escolla da súa equipa, mais non atinxe a construir un programa de goberno pensando nos intereses superiores da cidadanía galega.
A xustificación de Rueda alicérzase na suposta inconveniencia da negociación bilateral co Estado para a defensa dos intereses de Galicia. Cuestión na que coincidiu con Moreno Bonilla, presidente da Andalucía. Mais fíxense que o andaluz na Moncloa rexeitou calquera bilateralidade na negociación catalá co Estado a respecto do financiamento autonómico dende a forza da súa “…dimensión y población..”. Andalucía aposta pola multilateralidade porque pode, porque achega o 17,64% da poboación do Estado (é o seu territorio máis poboado), o 17,3% do seu territorio e o 13,4% do PIB estatal, mentres que Galicia achega só cadanseus 5,53%, 5,8% e 5,1 por cento.
Xa que logo a Andalucía sáelle a conta amañar o aquel do financiamento territorial dende a multilateralidade, canda Madrid e, no seu caso, Catalunya, porque achegan moito PIB e moita poboación. Mais Galicia achega pouco máis do 5% en ambas as dúas variábeis. Ademais, os nosos alicerces económicos estratéxicos son secundarios ou prescindíbeis para o conxunto do Estado. Que somos? Singulares. Somos unha nación, con lingua, cultura e historia de noso. Somos un país rico e viábel económicamente, con intereses ben diferentes neste eido a respecto dos que son fulcrais para o Estado. Somos diferentes canto á nosa realidade poboacional, ambiental e climática. Logo a nosa forza está na identidade, na singularidade da nosa economía e sociedade e na unidade transversal e interclasista na defensa dos nosos intereses privativos, que nunca –ou case nunca– son os intereses do Estado. Velaí porque nos cumpre sempre máis Galicia e menos España.
“O presidente Rueda non pode descoñecer (…) que a nosa forza está na bilateralidade”
O presidente Rueda non pode descoñecer esta realidade. Non descoñece que a nosa forza está na bilateralidade e, porén, rexeitou tratar do financiamento con Sánchez Pérez-Castejón, perdendo a oportunidade de pechar un acordo inmediato que alixeirara as finanzas galegas cuns 15 mil M€. Denuncia o noso déficit de 800 M€ para financiarmos a nosa sanidade, educación e servizos sociais, mais non se refire a que no 2022 a recadación fiscal galega foi 5.300 M€ superior á nosa capacidade fiscal (canastra de tributos cedidos) mais as achegas da chamada solidariedade de quenda. Valen os servizos que presta o Estado na Galicia, a hipotética cota que liquidaríamos nun réxime de concerto como o vasco, 5.300 M€? Non, mesmo nin valerían o 20%, atendendo a representarmos o noso PIB só o 5,.1% do PIB estatal Non fale, sr. presidente, da perda de 400 M€ adicionais aos 800 M€ do déficit dos nosos servizos co concerto catalán. Fale mellor dos máis de 4.300 M€ que perdimos no 2022 por non termos concerto de noso para recadarmos os tributos todos.