Ourense | O proxecto ‘Peregrinando pola Vía da Prata – Escolares Camiñando en Familia’, presentouse en Ourense. É unha iniciativa que fará dos sábados da provincia unha andaina aberta ás familias e ás Anpas, na que Turismo de Galicia investiu máis e 16.500 euros.
Gabriel Alén, delegado da Xunta xunto José Antonio Álvarez, presidente da Federación de Pais de Alumnos, explicou que desde este sábado 22 de maio, e ata o 9 de outubro, pais e fillos poderán percorrer o Camiño da Vía Prata ata chegar a Santiago de Compostela, cunhas andainas adaptadas ao público infantil, facendo rutas de non máis de 10 quilómetros.
Cada xornada haberá un monitor/a-guía para explicar ás familias as características da ruta e os recursos turísticos que irán atopando, como o patrimonio material e inmaterial, con especial atención a bens declarados patrimonio mundial, bens declarados de interese cultural, espazos naturais declarados protexidos, que se atopan ao longo da Vía da Prata.
O final de cada xornada, na localidade onde remate a ruta, organizarase un pequeno evento no que haberá contacontos e actuacións musicais, xogos populares e obradoiros; con temáticas relacionadas ca igualdade de xénero e o respecto ao medio ambiente. Deste xeito, e para reforzar o vínculo con estas temáticas, cada participante recibirá unha camisola cos lemas: “Crianzas Orgullosas do Camiño de Santiago. Respectando o Medio Ambiente. Camiñando en Igualdade”.
“Este programa cumpre cos obxectivos de destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago, fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño, implicar á poboación escolar da provincia de Ourense na celebración do Ano Santo Xacobeo”
Gabriel Alén concluíu que este programa cumpre cos obxectivos de destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago, fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño, implicar á poboación escolar da provincia de Ourense na celebración do Ano Santo Xacobeo, e fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local e os peregrinos e visitantes.
O teu Xacobeo
A través de proxectos como este pódese desfrutar dun Ano Xacobeo, que debido ás circunstancias actuais, prolongarase ata o ano 2022, nun contexto único que nos permitirá seguir facendo de Galicia ese destino especial e aberto ao mundo.
O teu Xacobeo permite sumar centos de iniciativas como estas que non só poñen en valor o contexto universal do Camiño neste Ano Santo tan particular, senón que amosan toda a riqueza da nosa terra, esa Galicia tan plural e tan rica que esconde, en todos os currunchos, verdadeiras xoias.
No conxunto da dúas edicións de O teu Xacobeo desenvolveranse máis de 400 propostas socioculturais aprobadas nas que a Xunta de Galicia está a investir preto de 8 millóns de euros co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 2021-20212 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible .
Unha Galicia e un Xacobeo que queremos transmitir a través deste programa para que o Xacobeo sexa o Xacobeo integrador e aberto a todos e cada un de nós.