Óscar M. Guzmán vén de publicar Pero…Como morren as pegas? (Ed. Galaxia), a novela gañadora do premio literario Vilar Ponte 2023 do Concello de Viveiro. Esta é a súa segunda novela logo d´Os segredos de Teresa (Toxosoutos editorial) que daba inicio a saga protagonizada polo inspector Saladino Mariño. O autor presentou a súa obra na feira do libro de Ourense cunha grande acollida por parte do público.
Contento coa presentación?
Moito, a verdade é que estou un tanto sorprendido polo que está acontecendo ao redor da novela e a súa repercusión.
Cal cres que é o segredo desa repercusión da que falas?
Non o sei moi ben. Por un lado penso que a cuarta edición de Os segredos de Teresa, o inicio da saga, ten algo que ver. Por outro o atractivo do título, unha moi boa portada, que sexa unha novela premiada e o aval da Editorial Galaxia entendo que axudan moito a que ao lector lle chame a atención.
Esta segunda novela pódese ler de xeito independente da primeira?
Si, sen ningún problema. É certo que os personaxes principais, o equipo policial, son os mesmos d´Os segredos de Teresa, pero son casos distintos. Indubidablemente si que é certo que neses personaxes hai unha evolución persoal nesta segunda entrega, porén ese factor non ten influencia na trama central.
De onde nace esta nova historia e como foi o proceso creativo?
A orixe xurde de observar durante varios días dúas pegas pousadas nun tellado en fronte da nosa casa, de tanto velas acabei preguntándome como sería a súa vida e, claro, como morrían. Investiguei un pouco a esta peculiar ave e quedei fascinado con todo o que a envolve, a súa intelixencia, a mística que a rodea e a relación que mantiña con seus conxéneres.
Máis tarde foron aparecendo novos personaxes, novos escenarios que, un bo día, comecei a mesturar cos personaxes que xa tiña perfilados na primeira novela. Respecto ao proceso creativo é difícil contestar, non son un escritor de mapa onde todo está medido dende o principio, vou atopando pezas polo camiño e coma nun quebracabezas vounas encaixando ata o final.
Como son eses personaxes que seica ao público tanto lle gustan?
Son homes e mulleres moi definidos, contrapostos en todo intre, cheos de defectos e afectos que moitas veces poden parecer incluso demasiado estrafalarios. Para min é moi importante que o lector, con cada páxina que pase, estea vendo a Saladino Mariño co seu Hugo Boss branco, a Leopoldo Xelmírez coas súas chaquetas de pana dous talles máis grandes e así podería seguir horas e horas.
Cóntanos algo do argumento.
Pero…como morren as pegas? é ante todo unha novela de intriga e como tal está escrita, coa pretensión de que cada capítulo pida ler outro. A acción parte dunha chamada feita de madrugada dende unha mansión reclamando a presenza da policía. O que parece ser unha irrisoria ameaza non tarda en convertese en realidade.
“Para min é moi importante que o lector, con cada páxina que pase, estea vendo a Saladino Mariño co seu Hugo Boss branco”
A partir de aí o equipo policial e xurídico capitaneado por Saladino Mariño intentarán descubrir a verdade e, para facelo, deberán encaixar unha serie de pezas espalladas entre as que están o amor, o roubo dunhas xoias e o pasado dunha familia.
Haberá nova entrega de Saladino Mariño e a súa tropa?
Espero que si, que volverei atopar pezas soltas dun quebracabezas para enviarllo ao meu inspector favorito para que o resolva. Mentres tanto estou cun terceiro proxecto alleo a estes personaxes e coido que vai quedar moi ben, pero agora toca voar coas pegas un tempo por feiras, presentacións e demais.
Recoméndanos un libro
Vou tirar de familia, e penso que Xoaniña de Deus ( Xerais), e premio Xuventude Crea 2021 da miña filla Alba Guzmán, cumpre con todos os requisitos necesarios dunha boa lectura.