Santiago de Compostela | A Asociación de Médicos Galegos (Asomega), en colaboración con Roche, celebrou a comezos de setembro no Paraninfo da USC o acto de entrega do XXII Premio Novoa Santos. Con este premio e o acto de entrega recoñeceuse a figura da profesora de Enfermaría no Campus de Lugo, Pilar Rodríguez Ledo.
A gañadora é tamén subdirectora Médica da Estrutura de Xestión Integrada de Lugo, Burela e Monforte e tamén vicepresidenta da Sociedade Española de Medicina Xeral (SEMX).
No acto tomaron parte o reitor Antonio López e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo ademais de Julio Ancochea, presidente de Asomega e Federico Plaza, en representación de Roche.
Logo da laudatio que correu a cargo do catedrático da UDC, Javier Muñiz, a premiada procedeu a pronunciar o seu relatorio titulado “A Atención Primaria, un abano de oportunidades, dende a Medicina Rural á COVID persistente”.
O 50% da contía do premio, que ascende en total a 12.000 euros, destínase á gañadora e o resto repártese entre outras dúas iniciativas designadas pola propia Rodríguez Ledo.
O Premio Novoa Santos recoñece a personalidades relevantes de Galicia, ou directamente vinculadas a Galicia, do eido da Medicina-Sanidade, cuxa labor profesional ou científica acadase repercusión estatal ou internacional.