Vilanova dos Infantes | Máis de dez pintores e escultores galegos comprométense a crear imaxes da Virxe do Cristal, en distintos estilos e técnicas artísticas, para cubrir o baleiro que deixou tras de sí a morte violenta do cura de Vilanova dos Infantes e o robo dunha das imáxes marianas máis pequenas do mundo (século XVII), candata por Manuel Curros Enríquez e X. L. Méndez Ferrín.
Xa empezaron a traballar nas súas obras Manuel Buciños, Acisclo Manzano, Xosé Cid, Ramón Conde, Xurxo Oro Claro, Soledal Penalta, Xulia Ares, Baldomero Moreiras, Francisco Xosé Pérez Porto e Miguel Ángel Martínez Coello.
Xosé Manuel del Caño fixo un chamamento a todos os artistas galegos que queiran sumarse a esta iniciativa, no acto de presentación do libro “Ósos de santo”, na torre de homenaxe da fortaleza de Vilanova dos Infantes. Alí procedeu á entrega en depósito dun óleo sobre tela da Virxe do Cristal, pintado por Carmucha Vázquez Prats, que o cura cualificou como “marabilloso”. Quedou en depósito no santuario da Virxe. Todos os exemplares lo libro de relatos “Ósos de santo” levan unha pequena lámina da Virxe do Cristal, asinadas todas elas pola artista.
O libro
Dalgún xeito, “Ósos de santo” dálle continuidade a “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias”. Nútrese de relatos, textos e situacións de agora mesmo, acabados de saír do forno, que aparecen ao lado de retallos doutros que foron agromando ao longo das últimas catro décadas, destaca Ramón Caride no epílogo do libro publicado por Edicións Embora.
Todos teñen como denominador común, unha vez máis, a fascinación que sentiu e sente X. M. del Caño por grandes escritores galegos. Atendendo ao título, “non poderían faltar os ósos de santo. Cada disciplina, cada ámbito, cada sector ten os seus valores, mitos e primeiras figuras; os seus anseios, frustracións, éxitos e derrotas. Tamén as súas reliquias”.
Este volume marca perfil propio, así e todo. Mostra algunhas distancias co primeiro. A pesar de teren un mesmo punto de partida, Ósos de santo obedece a un modelo mixto. Aproxímase ao relato curto, ao ensaio, ao xornalismo… “Persegue como meta axudar a construír cultura e país. Tamén abre fiestras a todo o que está por vir. Ao noso futuro común, caso de que teñamos tal cousa –como diría o amigo Darío Gancedo-. E se non o hai, haberá que inventalo”, conclúe Caride.
Vicente Araguas resalta no limiar a súa querencia por X. M. del Caño. “Un dos escritores non soamente con maior capacidade de traballo de Galicia, senón dos que fan o seu choio con mairande talento e xeito”. Polo tanto destaca que ler a este autor, despois de aproximarse a tantos libros debido á súa profesión, “é un labor paixón que me enche de ledicia”. E explica que tivo que “parar a lectura, morto de risa”, diante dun libro “tan galán e divertido”.
Repara na vertente humorística de “Ósos de santo”, a pesar de que non se trata dun libro de humor en senso estricto. Aborda “temas graves, como a caída do director da Caixa de Aforros de Ourense, Ricardo Martín Esperanza ‘Caíto’, ademáis de apañar o carreiro da retranca”. E por aí “os cartuchos da semblanza de Baltar, diante da que non cabe senón tirar a boina, sen capar, desde logo, aínda que o seu sería facer o propio co cráneo (como di Don Latino en Luces de bohemia diante dunha xenialidade de Max Estrella), polo xeito con que manexa Del Caño terreo tan esvaradizo”.
Vicente Araguas recoñece que non deixou de rir, ségueo facento, “cando o autor baixa (ou sube) ao campo dos poetastros: Paco Roque, Don Xan de la Coba e algunha outra ‘celebrity’, ben estudados por outros autores, eruditos ou, directamente, humoristas. Entre estes Manuel María, de quen Del Caño bota man as veces que faga falla. E fai moi ben. Porque poucos nachiños tan benhumorados e coñecedores da paisanaxe estrafalaria cal o poeta de Outeiro de Rei, quen orza ao noso autor de anécdotas varias (impagable algunha das vividas con Cunqueiro) para pracer e ilustración de quen lea este libro. Xoia evidente nun panorama, ás veces plúmbeo de máis, cal o que nos arrodea”.
Asasinato do crego
Vicente Araguas fai fincapé “no ben escrito que está” este libro. “Fala de cousas serias (como a paixón entomolóxica de Méndez Ferrín, outro polo que Del Caño sinte grande querencia, ‘moi aussi’) máis tamén de cousas extravagantes, o que fan del unha especie de novela exemplar, que tamén se pode ler en clave narrativa, coa meirande naturalidade”. E repara que no libro aparece “un asunto definitivamente melancólico: o asasinato do cura de Vilanova dos Infantes, Adolfo Enríquez Méndez, xunto coa desaparición da Virxe do Cristal”, advocación tan de Curros Enríquez e do propio Ferrín. “Un crime que nos leva a unha Galicia decimonónica e tráxica”. E conclúe con estas palabras: “Nun libro tan inmensamente serio que, isto é moito máis que un oxímoro, provocou en min, por momentos, unhas gargalladas definitivamente desaforadas. O que teñen que ser, por certo”.
“Ósos de santo” contén relatos sobre un tour gastronómico feito por Álvaro Cunqueiro e Manuel María, a clasificación de escritores como “noitébregos e madrugadores” -coas súas teimas-, espías de peto, movementos musicais, dende Voces Ceibes a Amancio Prada, a polémica dos seis poemas galegos de Federico García Lorca, segredos da biblioteca de Blanco Amor, o temor relixioso da Xeración Nós, un cume de poetastros, “Castelao, un home grande”, erotismo na literatura galega, o naufraxio de Os Eoas, celtas en Galicia, ósos de santo, a caída de Ricardo Martín Esperanza, badaladas electorais e boinas e birretes.
Outro tema relevante
En “Ósos de santo” a parecen moitos autores da literatura galega actual explicando a súa maneira de escribir, a súa técnica e as súas teimas, dun xeito desenfadado e por veces cómico. Entre eles, fan importantes revelacións Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, María Xosé Queizán, Berta Dávila, Fina Casalderrey, María Canosa, Xavier Alcalá, Lupe Gómez, Antón Reixa, Alfredo Conde, Antón Riveiro Coello, F. X. Fernández Naval, Ramón Caride, Claudio Rodríguez Fer, Rexina Vega, Fran Alonso, Francisco Castro, Inma López Silva, Emma Pedreira, Helena Villar, María López Sández, Luz Darriba, Rábade Paredes e Carlos G. Reigosa, entre outros. Contra o final do libro, irrompe a ferinte historia do roubo da Virxe do Cristal e o asasinato do cura de Vilanova, Adolfo Enríquez.
Nunha das fotos, X.M. del Caño, Carmucha Vázquez Prat e Antonio Puga, alcalde de Celanova, co cadro da Virxe do Cristal.