Ponteareas | O Concello contratará a un total de 16 persoas desempregadas grazas á liña de subvención do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra co obxectivo de avanzar na inserción laboral. En total, o ente provincial achegará á administración local 242.775 euros cos que se incorporarán profesionais do eido do medio ambiente, administración, vías e obras, protocolo ou xestión, entre outros.
Deste xeito, o Concello reforzará os servizos que presta a cidadanía mediante a incorporación de oito peóns de medio ambiente que se encargarán de tarefas como o desbroce e o mantemento de espazos públicos. Ademais, a administración local sumará tres monitores que desenvolverán o seu labor tanto na residencia de maiores como na ludoteca. Apoiarán tamén as tarefas que teñan lugar nas áreas de mocidade e voluntariado.
Coa achega da Deputación, contratarase a un técnico de xestión que prestará os seus servizos no departamento de fondos europeos e un auxiliar administrativo que se encargará de poñer ao día o arquivo e documentación en distintos departamentos, entre outras cuestións. Igualmente, incorporarase unha persoa especializada en protocolo para a organización e coordinación de cerimonias solemnes.
Tamén sumarase, por unha banda, un peón para o departamento de vías e obras que reforzará o mantemento das estradas e a realización de apoio das labores de construción e o mantemento dos edificios municipais e, por outra banda, un condutor-palista que servirán de apoio loxístico aos diferentes departamentos do Concello.