Ames | O Boletín Oficial da Provincia recolle, na súa edición de hoxe, a convocatoria das axudas do Concello de Ames dirixidas á creación e consolidación de empresas para o mantemento do emprego e do tecido empresarial local. As axudas están dirixidas ás persoas físicas e xurídicas que leven a cabo actividades empresariais ou profesionais e teñan o seu domicilio social e fiscal en Ames.
O prazo de presentación de solicitudes é de quince días naturais a contar dende mañá 23 de setembro. A contía total destas subvencións ascende a un importe total de 145.000 euros.
A Xunta de Goberno Local do pasado 16 de setembro aprobou as bases específicas reguladoras das Axudas Reactiva Ames dirixida á creación e consolidación de empresas para o mantemento do emprego e do tecido empresarial local. Dita convocatoria foi publicada esta mañá no Boletín Oficial da Provincia.
O Concello de Ames aprobou o Plan Reactiva Ames para fomentar a creación empresarial, dinamizar o comercio local e contribuír, así, á recuperación dun dos sectores máis castigados pola crise da COVID-19. A contía total destinada a atender estas subvencións ascende a un importe total de 145.000€.
No marco da convocatoria desta subvención establécense tres liñas de axudas.
Liña 1: Que se trate de proxectos, actividades ou actuacións empresariais iniciados dende o 1 de marzo de 2020 até o 30 de novembro de 2021, que abran establecementos para o exercicio de actividades permanentes e de carácter estable e continuo no Concello de Ames, entendendo por tales as que se establecen en locais en edificios, tanto industriais, profesionais, comerciais ou de servizos. Cunha axuda Básica de 1.000 €, na que se poden incluír mercadorías ou dereitos de propiedade industrial entre outros gastos.
Liña 2: Que se trate do traslado dunha actividade xa iniciada a un novo local no Concello de Ames. O traslado de local terá que ter sido iniciado dende o 1 de marzo de 2020 e deberá materializarse antes de que finalice o prazo de xustificación establecido nas presentes bases, é dicir, antes do 30 de novembro de 2021. Cunha axuda Básica de 3.000 € na que se poden incluír bens de equipo, mobiliario, adquisición e tratamento de sofware entre outros gastos.
Liña 3: A ampliación de empresas que supoñan a apertura de novos establecementos no Concello de Ames, sempre e cando creen novos empregos. A ampliación da empresa a un novo establecemento tamén terá que ter sido iniciada dende o 1 de marzo de 2020 e deberá materializarse antes de que finalice o prazo de xustificación establecido nas presentes bases, é dicir, antes do 30 de novembro de 2021.Cunha axuda Básica de 5.000 € na que se poden incluír obras de reforma, rehabilitación integral ou mellora da superficie dos locais comerciais entre outros gastos.
A solicitude de axudas da liña 1 é compatible coa solicitude das axudas das liñas 2 e 3. Mentres as axudas das liñas 2 e 3 son incompatibles. No caso de que a suma das achegas distribuídas de acordo co indicado supere o orzamento máximo da convocatoria, todas as achegas determinadas segundo o anterior reparto, experimentaran a correspondente redución proporcional, ata axustárense ao importe máximo da convocatoria.
As contías iniciais destas axudas veranse incrementadas en caso de que a persoa solicitante sexa desempregada de longa duración, sexa o seu primeiro emprego, sexa muller ou pertenza a un colectivo en risco de exclusión social.
Do mesmo xeito, a contía poderá incrementarse polo número de postos de traballo creados, e se a persoa solicitante acredita o uso do galego na súa actividade.
O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais, a contar dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, aproveitou a publicación da convocatoria para “agradecer á Corporación Municipal a aprobación do Plan Reactiva Ames, un liña de axudas moi necesaria para apoiar ao comercio local tan castigado pola crise sanitaria”. E engadiu “ quero animar a todas as empresas amesás a sumarse a esta liña de subvencións que vai poñer á súa disposición 145.000 euros”.