Chantada | A Xunta de Galicia acaba de aprobar inicialmente o Plan territorial especial (PTE) de San Fiz de Asma, o primeiro documento destas características que se promove na Comunidade e que ten como obxectivo garantir unha ordenación do territorio que preserve o patrimonio natural e cultural que alberga esta paisaxe construída singular e altamente representativa da Ribeira Sacra.
Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo precisamente en Chantada acompañada polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para asistir á presentación do documento, coincidindo coa publicación hoxe no DOG do anuncio polo que se somete a información pública durante o prazo dun mes.
A partir de agora e de forma paralela a este trámite, notificarase individualmente a todos os titulares de terreos na zona e se lles dará audiencia á Deputación provincial e ao Concello de Chantada, ademais de solicitar os informes sectoriais preceptivos para poder avanzar na tramitación. O obxectivo, explicou a conselleira, é que o PTE de San Fiz poida someterse á aprobación definitiva do Consello da Xunta a finais deste mesmo ano.
O PTE de San Fiz de Asma enmárcase dentro do chamado Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, un conxunto de medidas que, como explicou Ángeles Vázquez, impulsou a Consellería en setembro de 2019 co obxectivo de mellorar a planificación e a protección deste territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense.
Para isto, o Plan inclúe un paquete de 10 propostas a nivel ambiental, paisaxístico e urbanístico, a maioría delas xa en marcha, e das que se beneficiarán un total de 30 concellos, cun investimento global de máis de 4,5 millóns de euros.
Unha destas medidas é o PTE de San Fiz —inicialmente tramitado como Plan de ordenación do medio físico (POMF)—, un documento que xorde da declaración da Paisaxe cultural da Ribeira Sacra como Ben de interese cultural a finais do ano 2018, momento no que se considerou necesario realizar unha ordenación detallada desta parroquia.
As súas condicións xeolóxicas e morfolóxicas, os valores patrimoniais e a xeografía, xunto cunha recente ocupación, confírenlle unha identidade diferenciada doutras paisaxes que a fan tamén altamente representativa dos atractivos da Ribeira Sacra.
Tal e como subliñou a conselleira, coa elaboración do PTE —cun investimento da Xunta de 68.000 euros— preténdese a conservación e o mantemento das características que a converten nunha paisaxe construída “digna de preservar”, polo que considerou que será un fito clave na protección e posta en valor da zona no seu conxunto. “Este vai ser o exemplo para o resto de Chantada pero tamén para o resto da Ribeira Sacra”, declarou.
Modelo construtivo predominante tradicional
O ámbito obxecto de estudo, cunha superficie de 225 hectáreas e 1.781 parcelas das que menos do 30% están ocupadas, conta cunha gran densidade de construcións singulares e de especiais características que requiren dunha ordenación detallada e específica.
De feito, durante a presentación do plan, o arquitecto superior do estudo redactor Crecente Asociados, Rubén Santiago, explicou que o 60% das 425 construcións analizadas —o 100% das existentes no ámbito— son anteriores ao ano 1956 e que nunha porcentaxe aínda maior responden a unha tipoloxía tradicional, con predominio sobre todo das casetas de viña, seguidas de adegas de garda e doutro tipo de construcións. Neste sentido, a conclusión é que, en xeral, o modelo construtivo predominante en San Fiz de Asma —edificacións tradicionais de menos de 50 m2, dunha soa planta e con cuberta de 1 auga—, está ben integrado na paisaxe que a rodea, se ben as construcións máis recentes e menos numerosas producen algunhas distorsións no ámbito.
Precisamente, a función principal do PTE será fixar pautas de intervención sobre as construcións, os viarios de acceso e os socalcos así como os materiais a empregar. En definitiva, preténdese manter as características dunha paisaxe construída cunha función que se quere conservar e difundir, incidindo nos aspectos territoriais de forma compatible cunha economía agrogandeira e de recursos culturais e turísticos sustentables e establecendo as medidas de protección que garantan a súa preservación, restauración ou mellora e a súa adecuación ás funcións e usos correspondentes.