Deputación da Coruña | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un expediente de modificación de créditos por importe de máis de 61 millóns que inclúe unha partida extraordinaria de 5 millóns de euros para a posta en marcha dun novo plan de axudas urxente aos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e de transporte por estrada.
Só unha semana despois de que o presidente Valentín González Formoso anunciara a posta en marcha plan tras reunirse con representantes destes colectivos, o pleno provincial dá luz verde a esta partida orzamentaria, coa que se habilitará unha liña de axudas directas destinada a microempresas, autónomos e pemes destes tres sectores estratéxicos para a provincia da Coruña, especialmente afectados pola alza dos carburantes e os efectos económicos derivados da guerra de Ucraína.
O presidente e os portavoces dos grupos que conforman o goberno provincial, PSdeG-PSOE e BNG, agradeceron o apoio unánime de todos os grupos políticos da corporación para pór en marcha este plan de axudas.
Formoso destacou que, unha vez consignados os fondos, o goberno provincial pretende “activar o plan o vindeiro mes de abril e tramitalo coa maior axilidade, para o que aproveitaremos a experiencia adquirida pola Deputación durante a pandemia co programa Reactiva de axudas á hostalaría”. O prazo medio de pagamento destas axudas foi de 7,5 días, chegando a alcanzar un tempo mínimo de 7 horas, un récord no pagamento de subvencións da Deputación.
Tal como anunciara o presidente, os 5 millóns de euros de fondos propios da Deputación serán distribuídos en axudas directas de 3.000 euros, que terán carácter prepagable para garantir a máxima axilidade na tramitación e concederanse por orde de solicitude ata o esgotamento do crédito, que podería ampliarse no futuro en función das necesidades. A Deputación prevé abrir o prazo de solicitudes o vindeiro mes de abril.
O Plan Único investirá este ano 88 millóns nos concellos
O expediente de modificación de créditos aprobado hoxe polo pleno inclúe tamén unha achega adicional de 42 millóns de euros para o Plan Único (POS+2022), que se suman ao orzamento inicial, de 45.900.000 euros.
Así, o orzamento total do Plan Único alcanza os 87.900.000 euros, consolidándose un ano máis como o maior plan de financiamento de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado.
“Con esta nova achega que hoxe aprobamos por unanimidade, o Plan Único chega a case 88 millóns de euros, unha cifra moi importante que representa case a metade do orzamento anual da Deputación e que, ademáis de axudar a melloras as infraestruturas e servizos dos 93 concellos coruñeses, impulsa a creación de actividade económica e emprego”, afirmou Valentín González Formoso.
Ademáis de triplicar o investimento de anteriores plans provinciais, o Plan Único “representa unha nova forma de gobernar a Deputación, baseada na transparencia na distribución dos fondos e no respecto á autonomía municipal, pois son os propios concellos os que deciden en qué queren investir os fondos da Deputación”, explicou o presidente.
O vicepresidente Xosé Regueira sostivo que “estamos a falar dun dos maiores investimentos no histórico do Plan Único, que ronda os 90 millóns de euros”.
En referencia aos cinco millóns inicialmente destinados ao POS que se empregarán para as axudas aos sectores do agrogandeiro, pesqueiro e do transporte sostivo que “as administracións públicas temos que facer continuamente lecturas da realidade na que vivimos, que nos parece dabondo dramática; por iso debemos facer un esforzo para axudar os sectores que nestes momentos o están pasando peor, a nivel económico, na nosa provincia”.
Obras de humanización de rúas e espazos públicos, melloras en centros educativos, culturais e deportivos municipais, creacións de xardíns e zonas verdes, construción de parques infantís ou obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais son algunhas das 2.727 obras aprobadas entre 2017 e 2021 con cargo ao Plan Único nos concellos coruñeses.
Estes plans tamén financian con estes fondos servizos públicos esenciais como o alumeado público, a recollida de lixo ou a limpeza viaria.
Mocións
O pleno aprobou por unanimidade unha moción de Marea Atlántica, emendada polo PSdeG-PSOE, en apoio ao sector pesqueiro e rexeitou a proposta, tamén da Marea Atlántica, de cambiar o nome do Teatro Colón da Coruña polo de María Casares, que só foi respaldada polo BNG.
Tamén se aprobou co voto favorable de todos os grupos e única abstención de Alternativa dos Veciños, a moción do Partido Popular, que incorpora as emendas presentadas polo Grupo Socialista, solicitando a mellora da liña ferroviaria Ferrol -A Coruña. O texto demanda ao Goberno do Estado “a presentación dunha planificación concreta e completa a curto e longo prazo para a modernización da liña ferroviaria entre Ferrol e Coruña para ofrecer un tempo de viaxe competitivo que complete o Exio Atlántico de Alta Velocidade e o corredor de mercadorías”.
O texto insta ao Goberno a incorporar nos orzamentos de 2023 o proxecto de modernización desta liña ferroviaria e do importe necesario para a licitación das obras do baipás Betanzos-Infesta “como primeira actuación para mellorar as comunicacións nesta comarca”. Tamén se insta a Xunta de Galicia, Concello de Ferrol e ADIF a consensuar a construción das estación intermodal de Ferrol. O pleno aprobou tamén a moción do PP, con emendas do PSOE, para paliar o impacto económico da invasión de Ucraína.