Tomiño/PSdeG | Atendendo á convocatoria da Plataforma pola Sanidade Pública de Tomiño, encadrada na Plataforma SOS Sanidade Pública, decenas de veciñas e veciños de Tomiño concentráronse hoxe en Tebra (Tomiño) para denunciar o deterioro da calidade asistencial na Atención Primaria deste municipio.
Ao acto acudiu o secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia e delegado do Estado na Zona Franca, David Regades participando, ademais, na campaña de recollida de sinaturas.
Regades afirmou que o presidente Núñez Feijoo “non aprendeu ningunha das leccións que lle deu a pandemia de covid19”. “A solución á crise sanitaria foi a sanidade pública e Tomiño é un exemplo máis de que os recortes que xa se practicaban antes da pandemia continúan”.
“Núñez Feijoo non aprendeu ningunha das leccións que lle deu a pandemia de covid19”
Engadiu que aos dirixentes públicos tócalles estar a carón da veciñanza e apoiar as súas xustas reivindicacións. “Dunha vez por todas hai que apostar pola Sanidade Pública e o Partido Popular ten claro que o seu modelo é o da privada, o modelo dos seguros privados, o que prexudica precisamente á xente que máis necesita a sanidade”. O secretario xeral das/os socialistas pontevedreses recalcou que cando se toman decisións como privar á veciñanza do Baixo Miño dunha ambulancia medicalizada “tómanse decisións que poñen en risco real as vidas das persoas”.
A presidenta da Plataforma pola Sanidade Pública de Tomiño, creada hai escasos días, Violeta de Santiago denunciou a infradotación do Centro de Saúde da localidade, que debería contar con 10 médicos/as e só conta con 6; 12 enfermeiras/os e só dispón de 9 e carece de fisioterapeutas e hixienista dental.
Ademais denunciou o peche polas tardes e a inexistencia dunha ambulancia medicalizada. Por último, esixiu a atención médica presencial, en lugar da telefónica, e lembrou que continúa o peche a cal e canto do consultorio de Goián, incumprindo tódalas promesas para reabrilo.
Jesús Araújo, en representación da Plataforma SOS Sanidade pública destacou que o que está a suceder en Tomiño é reflexo dunha “política estrutural que se está a levar a cabo en toda Galicia” e acusou ao Goberno do PP da Xunta de Galicia de desviar fondos á sanidade privada en detrimento da pública. Esixiu que se garanta por lei que a Xunta dedica o 25% do seu orzamento á sanidade pública, como única vía para garantir a cobertura das vacantes, as baixas e as xubilacións. Agora, denunciou, apenas se dedica o 12%.
O acto incluíu, ademais, a testemuña en primeira persoa dunha veciña con varias patoloxías e que enfróntase a diario aos problemas para obter citas e de acadar a atención médica que precisa.