Tui/PPdeG | O pleno municipal de Tui vén de rexeitar o proxecto de Orzamentos 2024 presentado polo goberno local cos votos en contra de todos os grupos da oposición, incluído o seu socio preferente, o BNG. O PP tudense reprocha unha vez máis a “falla de diálogo” do Partido Socialista, que “segue a demostrar que goberna de costas á cidadanía”.
O voceiro popular, Nico Montes, lamenta que o equipo de goberno tudense, que segue carecendo dun plan económico e ten as contas prorrogadas dende o ano 2022, presente o orzamento 2024 mal planificado e con máis de 6 meses de atraso, o que califica como unha falla total de xestión.
Na súa intervención, o concelleiro popular, Lino Cendón, indicou que de ningunha maneira pódese proceder a aprobación deste proxecto orzamentario, que mesmo contradi os propios informes dos técnicos municipais onde recoñecen un gasto corrente desbordado.
Explicou que están totalmente en contra de que non se apliquen medidas de contención: “Non existe ningún tipo de planificación, como vimos denunciando hai moitos meses, e non se opta por axustar os gastos e apostar polos investimentos”.
Ademais, detallou que o goberno local tamén incluíu nestas contas un incremento dos ingresos dun millón de euros “que non se corresponde coa realidade”, tal e como sinala o preceptivo informe de Intervención, e que “unicamente se fai co ánimo de facer cadrar a contabilidade”.
Finalmente, os populares lamentan a “falta de vontade do equipo de goberno con respecto a estas contas, que nin sequera o BNG foi quen de aprobar. Non negociaron con ningún grupo da oposición para tentar sacalas adiante malia atoparse gobernando en minoría, o que demostra a súa total falta de interese nuns orzamentos nos que nin eles mesmos cren.”