Tomiño / Vila Nova de Cerveira | Co obxectivo de coñecer o impacto da cooperación transfronteiriza no día a día e ponderar a demanda cidadá de servizos compartidos a prestar, os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira queren facer un estudo do que está a suceder no terreo. Por este motivo, ambos os dous concellos distribuíron arredor de 4.000 enquisas divididas por franxas de idade que servirán para deseñar e seleccionar os equipamentos a compartir por ambos os dous municipios no futuro.
A mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública, unida a unha maior cooperación entre a cidadanía e as institucións, é fundamental para o abandono das asimetrías existentes, para a promoción do acceso universal e común ao conxunto dos equipos e servizos e para a consolidación da desfronteirización.
O obxectivo principal do envío destas enquisas é coñecer de primeira man a opinión dos cidadáns de ambos concellos, sobre todo dos que partillan xa algún tipo de servizo compartido. Por outro lado, cos resultados obtidos a partir das respostas cidadás a Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira coñecerá o estado actual e real no que se atopa a cooperación entre fronteiras, sobre todo dos proxectos e accións que afectan directamente á cidadanía dos dous municipios, para traballar no fortalecemento das relacións e mellorar as estruturas de funcionamento.
En estreita colaboración cunha escolma de centros de ensino, asociacións cidadás e veciñais, entidades de benestar e solidariedade social ou técnicos dos servizos públicos, entre outros, repartíronse preto de 4.000 enquisas con 26 preguntas de resposta rápida para estudar o grado de coñecemento da poboación, así como as súas demandas en canto aos equipos de uso común. Deste xeito, a organización contará con información coa que deseñar accións de futuro nas que prime a opinión da cidadanía.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a cidadanía a participar de xeito activo nesta iniciativa e contestar ás enquisas para que “cando se poñan en marcha máis actividades enmarcadas no programa IINTERREG VA POCTEP cumpran as expectativas de todos os veciños e veciñas de Cerveira e Tomiño”.
A Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira é un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. A cooperación transfronteiriza entre ambos os dous concellos ten pautado a súa acción arredor da valorización da participación pública e a cidadanía activa, poñendo en marcha o iniciativas como Orzamento Participativo Transfronteirizo ou a figura da Valedora Transfronteiriza, ademais de diversas accións e obradoiros que involucran a entidades e cidadanía.