Santiago de Compostela/Podemos Galicia | Podemos Galicia considera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está a disfrazar as contas galegas para 2021 que publicita como sociais noutro alarde descomunal de hipocrisía e prepotencia política ao tempo que mantén as liñas adstrinxentes dos mandatos pasados: corta e pega do continuismo, retallos ao público e facer negocio da saúde e dos coidados privatizando os servizos que son de todas.
“O presidente galego fai cos orzamentos do noso país o mesmo que fixo coa máscara no acto do seu partido na Coruña: pide sentidiño e grandes esforzos ás galegas, mentres el fai trampas e minte, procurando ocultar as fotos que proban a súa grande hipocrisía ao pasearse polo monte San Pedro, cóbado con cóbado, co seu xefe de filas, Pablo Casado”.
Logo de debater e afondar no proxecto orzamentario da Xunta para o ano 2021 e o exposto no debate parlamentario, desde Podemos Galicia concluímos que o PP de Alberto Núñez Feijóo disfraza as contas noutro exemplo de camuflaxe política e publicidade enganosa do PP, amparados no rodete da súa maioría, cun obxectivo: o inmobilismo socioeconómico e a prolongación da parálise dun país.
“Chama poderosamente a atención que Feijóo se despegue da liña expansiva pola que están a transitar outras autonomías para loitar contra a pandemia e as súas consecuencias e desperdicie a oportunidade de investir 1.100 millóns de fondos transferidos desde o Goberno de coalición”
Chama poderosamente a atención que Feijóo se despegue da liña expansiva pola que están a transitar outras autonomías para loitar contra a pandemia e as súas consecuencias e desperdicie a oportunidade de investir 1.100 millóns de fondos transferidos desde o Goberno de coalición cuns PGE xa aprobados para o ano vindeiro absolutamente históricos para transformar o Estado e trazar un camiño común.
O PP de Feijóo rexeita e desperdicia a oportunidade de impulsar o noso sector primario, de apostar pola mobilidade interior e sostible para vertebrar o país e recuperar poboación no rural, de reforzar a sanidade pública e os coidados e de artellar medidas coherentes e complementarias entre Administracións para tecer unha rede de apoio e impulso a hostaleiros, autónomos, ao turismo e a todos os sectores máis golpeados pola pandemia.
Estes orzamentos non recollen medidas para facer fronte á crisis industrial e económica que estamos a padecer e padeceremos derivada da Covid19 e manteñen o furor privatizados do PP no ensino, na sanidade, dependencia e coidados. As inversións para os concellos baixan, deixandolles máis competencias con menos recursos e con CERO investimentos en políticas efectivas de igualdade, emprego e loita contra a violencia de xénero sen partida para a creación de xulgados especializados na materia. O cero tamén é o protagonista da partida para Benestar Animal.
As mentiras dos Orzamentos 2021 do PP de Feijóo, ao descuberto
Polo miúdo, salientar que no proxecto de orzamentos da Xunta para 2021 o importe total dos créditos previstos ascende a 13.135 millóns de euros, o que supón un aumento do 13,8% Increméntanse tanto os gastos por operacións financeiras como a capacidade de gasto da administración autonómica (gastos non financeiros) nun 15,2%.
Outro punto que nos chama a atención son os 5.852,7 millóns de euros (Capítulo IV) que asignan a políticas de protección e promoción social como os programas de atención á dependencia ou os distintos SAF (servizos de axuda ao fogar). Cómpre dicir que a maioría de estes servizos totalmente privatizados e en moitos casos de dubidosa, por non dicir penosa, xestión eficaz e efectiva. Fan, polo tanto, do sector coidados un negocio do que lucrarse coas dramáticas consecuencias que xa todas coñecemos e que, semella, queren perpetuar do 2021 en adiante.Outro exemplo, o atopamos na Consellería de Política Social, que publicita que un incremento de 30,5 millóns para novas prazas en centros de maiores dos que case o 95% de xestión privada en mans de empresas como Domus VI e a Fundación San Rosendo.
Na Consellería de Cultura, Educación e Universidades prodúcese unha minoración de 3,26 millóns de euros que imposibilita a acometida de novos proxectos e tamén baixa en 268.000 euros a asignación á Fegamp, o que vai dificultar o acceso de moitos concellos galegos a fondos que precisan para sufragar programas en centros de saúde, conservatorios, colaboración coas institucións penitenciarias, prevención de incendios e servizos de emerxencia supramunicipal.