Ourense | Podemos Ourense apoia ao Colexio de Xornalistas de Galicia na súa denuncia contra Gonzalo Pérez Jacome, alcalde de Ourense, por suprimir as roldas de prensa. “Desde Podemos Ourense condenamos rotundamente a decisión do alcalde de suprimir as roldas de prensa institucionais e substituílas por charlas informativas no
seu canal de YouTube, Auria TV”.
“Esta medida, lonxe de mellorar a comunicación, limita a liberdade de prensa e atenta contra a transparencia que debe caracterizar unha administración pública. As roldas de prensa son unha ferramenta esencial para que os medios de comunicación poidan realizar o seu labor de forma libre, contrastada e plural”, sostén Francisco Diéguez, voceiro de Podemos Ourense.
”Subtituílas por un monólogo unilateral é un intento de evitar preguntas incómodas e de controlar o relato, algo completamente incompatible cos principios democráticos”, dí Diéguez. “Ourense merece un goberno transparente, que dialogue coa cidadanía e rinda contas a través de espazos abertos e participativos. Coa eliminación das roldas de
prensa, o alcalde ignora non só aos medios, senón tamén o dereito dos veciños e veciñas a recibir unha información clara e veraz sobre a xestión municipal”, en opinión do voceiro de Podemos.
Desde Podemos Ourense “esiximos a inmediata recuperación das roldas de prensa como parte dun compromiso coas boas prácticas democráticas e instamos a Jácome a rectificar. A democracia non pode ser gobernada dende un canal de YouTube. Por unha Ourense máis democrática e transparente”. Na foto Francisco Diéguez, voceiro de Podemos Ourense.