Seguímoslle o fío a Carles Casajuana no seu libro “Las leyes del castillo” (Notas sobre el poder); nesta ocasión na vertente que atinxe á vaidade do político.
O Poder envanece. Só o feito de que outro ser humano se preste para abrirlle a porta dun automóbil no que o espera un condutor para preguntar “a onde o levo, señor”, xa é de por si causa suficiente para considerarse superior aos demais. O Poder tamén é gratificante. Dende que o mundo é mundo o Poder está revestido dunha serie de rituais (aplausos, banquetes,acceso a familias de prestixio social, saúdos militares, etc. Esta situación chega a confundir poder con grandeza ata considerarse dotado dunha calidade, inteligencia, encanto, capacidade de persuasión, que lle outorga un dereito persoal de liderado. Moitos así llelo din para facerlle as beiras.
Esta sensación de superioridade transfórmase nunha droga que crea adicción inmediata, que esixe doses crecentes e que cando falta produce unha perigosa síndrome de abstinencia. D. Quixote advertía a Sancho, “se algunha vez o probades comerédevos as mans por ser docísima cousa o mandar e ser obedecido”. Nada máis fácil que acostumarse ao respecto e admiración dos cidadáns que, unha vez pasada a primeira sorpresa son considerados coma lóxicos,naturais, aínda que só sexa pola dedicación e os sacrificios que o exercicio do Poder comporta. Nada máis desagradable, cando chega o momento de ter que prescindir desas prerrogativas automáticas ao comprobar , ademais, que aquela admiración de antes se converte agora en inadversión, igualmente automática, por ter disfrutado do Poder como se unha cousa quixera compensar a outra.
Aquel que sexa intelixente sabe que a súa chegada ao Poder débese, nunha parte importante ao azar. As loitas por ser o número UN están cheas de continxencia que escapan a calquera tipo de control. Os resultados electorais en xeral dependen dun cúmulo de variables que en grande medida son imprevisibles. Todo isto conforma que a maioría das traxectorias políticas dependan máis da fortuna que dos méritos do afortunado. Tampouco queremos dicir que os méritos do interesado non contribúan en nada; xa se sabe que para que toque a lotería hai que ter mercado o billete, non facer coma o conto do xitano que lle pedía insistentemente ao crucifixo que fixera todo para que lle tocara a loteria. O Cristo xa cansado dille “polo menos xoga , home”.
O que pasa é que con frecuencia os interesados tenden a esquencer con moita facilidade a intervención do azar e doutras cousas nas que el non tivo arte nen parte tentando convencerse de que se chegou a onde chegou grazas a méritos propios. A manchea de adhesións interesadas que reciben cando toman posesión do cargo, as atencións con que son tratados, ratifican esa convicción Son tantos os que o consideran intelixente, capaz e preparado, os que o ven con outros ollos que, como non van verse así a si mesmos, como non van considerarse máis intelixentes que os demais?
Os ocupantes do Poder teñen que inverter unha boa parte das súas enerxías a demostrar que están á altura do cargo que acadaron ou que aspiran acadar. Teñen que defenderse dos que tamén aspiran ao mesmo asento. Vense na obriga de gañar adeptos, forxar alianzas, poñer obstáculos no camiño dos seus rivais. A partires de certo nivel vense na obriga de estreitar centos de mans e bicar centos de meixelas finxindo a máxima empatía, someterse a baños de masas calculadamente preparados, participar en tertulias odiosas dicindo trivialidades. Ten que poñerse, se pode, a salvo dos estragos desta conversión en homes/mulleres-fortaleza ou en homes/mulleres espectáculo.
A mestura de temor e de causar soberbia envilece. Na medida en que unha persoa teme perder o seu posto dalle moita máis importancia aos símbolos, as cuestións protocolarias, etc. Un dirixente seguro da súa valía e de contar co respaldo dos electores dálle o mesmo sentarse nun sitio ou noutro; quen teme perder o cargo está moi atento á mínima desconsideración e ve desaires por todas partes.
Carles Casajuana tamén se adentra na política como espectáculo. Aínda que unha obra de teatro ou unha película non estean destinados a incidir na vida da xente. Sen embargo no eido da política si ten esa incidencia. O obxectivo de toda actividade política resúmese, en definitiva, en mellorar a vida dos cidadáns, facerllela máis feliz. Logo xa fóra destes cometidos concretos e finalistas, entre a politica e o espectáculo existen similitudes. Os políticos compiten polo protagonismo diante da opinión pública; mostran diante dos medios de comunicación os conflitos e tensións da sociedade coa intencionalidade de resolvelos ou polo menos mitigalos.
A política converteuse nunha rama da industria do entretemento onde o que máis conta é quen sobe e quen baixa, quen traizoa a quen, ofrécenos todos os enredos e sorpresas dun culebrón televisivo. As campañas electorais son terreos onde compiten os candidatos e os partidos para gañarse o favor dos telespectadores, dos oíntes de radio, lectores de prensa, internautas, é dicir, do público.
Tan importante ou máis que o Poder que un gobernante pode ter en realidade é o que os seus adversarios crean que ten. As coroas e as coroacións, os rituais e os ceremoniais, a etiqueta e o protocolo, os tronos e os altares, as conferencias de prensa e as entrevistas, as aparicións televisivas, saír dun avión ou dun automóbil como Venus das augas, son símbolos tanxibles do que é o centro do que representa o Poder. A popularidade é a medida do que representa o éxito.Tantos minutos de televisión, tantos centímetros cadrados de xornal, tanto vales. Como no teatro ou no cine, na política hai intereses en xogo, diñeiro sobre a mesa; a miúdo en cantidades inxentes; investimentos que hai que rentabilizar e lineas vermellas que non se poden traspasar so pena de que alguén peche o círculo.
O bo político coma o bo actor sabe captar a atención dos espectadores e manter a tensión para non perdela e sabe que para iso fai falla ritmo. Hai que modular, cambiar o ton no momento preciso. Sabe que o consumidor de imaxes, que é hoxe o espectador habitual, cánsase logo; non ten que profundar demasiado nen darlle tempo a que o faga. O moderno político sabe que no fondo non goberna moito máis que nas apariencias, porque o poder real moitas veces non está nas súas mans e as marxes de manobra son pequenas.
A inflamación das vaidades é un dos nexos máis visibles entre a política e o espectáculo.Case todos fan verdadeiros sacrificios por estar na pomada, no candeeiro; todos prefiren estar na escena aínda que reciban tomatazos que quedar fóra dela recordando vellos trunfos. A vaidade nubra a intelixencia con interferencias emocionais. Impide escoitar os demais como é debido e quen non escoita ben remata por aillarse e non dispoñer de datos fiables para o seu labor. Desde Maquiavelo sabemos que o gobernante debe ser un gran simulador, porque a sociedade se move máis polo aparente que polo real. Recomendaba ao príncipe ser astuto e tratar de manter os subditos en suspenso e asombrados.
A hora de pechar estas elucubracións sobre o Poder e a súa erótica queremos desexarlles unhas felices vacacións de verán. Por falta de Sol non será. Esquenzanse dos políticos e da Política que xa os uns e os outros se encargan de lembrarse de nós.
Saúdos a todos e feliz verán !!