Galiza debe ter a chave dos seus cartos, pois os nosos recursos económicos son drenados a Madrid e repartidos sen contar con nós, facéndolle crer -falsamente- á poboación de que non somos ricos e de que estamos subsidiados polo Estado. Cando é xusto o contrario: Galiza perde co actual sistema de financiamento uns 5.344 millóns de euros por ano. Está demostrado por quen entende máis ca min: só falta facerllo chegar á xente. Euskadi ten a chave dos seus cartos, Cataluña vaina ter tamén.
E Galiza tamén a precisa, porque non hai soberanía política sen soberanía fiscal e financieira. Xa o defendía Alexandre Bóveda e o Seminario de Estudos Galegos no século pasado. Trátase de procurar un novo equilibrio fiscal e político máis xusto e equitativo, para que non haxa cidadanía galega que teña que emigrar ou malviva nun país cheo de recursos como é o noso.
“O centralismo é tóxico para Galiza e debemos combatelo coa forza da razón”
O centralismo é tóxico para Galiza e debemos combatelo coa forza da razón. O bng ten deputados e deputadas brillantes e xente experta en economía que o demostrou, como fixo Xosé Díaz. E, no seu momento, tamén Beiras, se ben o seu traballo non está actualizado, como si está o do primeiro. Ana Pontón ten falado tamén deste tema, Noa Presas, Joam J. Romero, Montse Prado,… Lede e escoitade, porque cun concerto económico xusto poderemos mellorar o futuro das novas xeracións.
Só queremos o que, lexitimamente, nos corresponde como cidadanía galega; aquelo polo que loitaron e padeceron os nosos devanceiros: unha Galiza viva e con futuro. Trataríase dun novo pacto -xusto, solidario e constitucional- co Estado, ao que se lle entregaría unha cantidade xusta polos servizos non transferidos. A Fundación Galiza Sempre editou un pequeno libro titulado: “Galiza coa chave dos seus cartos”, que vos recomendo, porque é breve e facilmente entendíbel por todo o mundo. E xa sei que o meu verbo esfola a un estremo e a outro…