Ribadumia | O voceiro da agrupación Somos Ribadumia, Enrique Oubiña, informou da recepción da sexta comunicación por parte do Defensor do Pobo relativa a unha queixa desta formación realizada o 1 de novembro de 2020 polo bloqueo efectuado polo alcalde David Castro no relativo ao acceso ao rexistro municipal.
Oubiña cualificou de “prácticas dilatorias do alcalde” ao non responder ás cinco respostas anteriores ante o Defensor do Pobo, e de “falseamento de declaración” ao concluír que “o goberno local díxolle ao Defensor do Pobo que nos había respondido a nosa solicitude vía decreto, un ano despois de facela, pero é que isto non é certo”.
Tamén acusou ao rexedor de bloquear o acceso á sede electrónica do Concello para evitar a comprobación do requerimento.
Resposta do Defensor del Pueblo
O pasado día 16 de novembro, recibiuse no Concello de Ribadumia resposta ao expediente aberto a causa dun escrito interposto fronte ao “Defensor del Pueblo” por parte de D. Enrique Oubiña, representante de Somos Ribadumia.
Neste escrito inicial, o edil reclamaba non ter recibido resposta por parte do Concello de Ribadumia sobre unha petición de acceso xeneralizado á información dos rexistros de entrada e saída do Concello.
Por este motivo, o “Defensor del Pueblo” solicitoulle ó Concello de Ribadumia que remitise copia da resolución enviada a Somos Ribadumia en xustificación ó escrito presentado xunto cos informes que sustentaban a resposta dada, se a houbese.
Por parte do Concello, remitiuse o Decreto enviado xunto cos informes que avalaban a resposta á súa solicitude de acceso á información, os cales procedían do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, da Deputación de Pontevedra, da Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia e, finalmente, da Axencia Española de Protección de Datos.
Destes informes extráense conclusións moi reveladoras sobre o acceso ós rexistros municipais por parte dos concelleiros da oposición. No informe emitido pola Deputación de Pontevedra, por exemplo, póñense de manifesto aqueles supostos de información que debe estar accesible para os concelleiros e cál precisa autorización de Alcaldía para a súa consulta. Entre estes supostos contemplados de libre acceso non figura de xeito algún masivo a todos os rexistros sen ningún tipo de control.
Moi relevante é, sen dúbida, o informe emitido pola Axencia Española de Protección de Datos que alerta sobre o risco de acceso libre a rexistros que conteñen datos sensibles de carácter persoal que, en ningún caso poden consultarse por calquera.
Finalmente, con base en este segundo e o último escrito recibido por parte do Concello, o “Defensor del Pueblo” tomou a decisión de FINALIZAR as actuacións referidas a este expediente sen requirir do Concello ningunha actuación máis.
Con todo, dende Somos Ribadumia, volven interpoñer a día de hoxe dous novos escritos nas oficinas municipais solicitando, por unha banda que se lle achegue copia do mentado Decreto ó que din non ter acceso e, por outra banda, volvendo solicitar acceso ao libro e rexistro de entradas e saídas do Concello de Ribadumia cando xa todos os organismos que poden ter competencia na materia se pronunciaron e non recoñeceron expresamente ese dereito de acceso.
Do mesmo xeito, o Concello de Cambados, do que forma parte Somos Cambados (partido homólogo ó do Sr. Oubiña), remitiu escrito no mesmo sentido tras solicitude de Pode Cambados para ter acceso xeneralizado á información dos rexistros de entrada e saída.