Policía galega para garantir a nosa seguridade.

O ano 2025 comeza para Galicia con graves déficits na nosa seguranza pública. A Policía Autonómica galega (en realidade unha Unidade Adscrita da Policía Nacional-PN-), dotada con 500 prazas das que só unhas 340 arestora están provistas (40% menos que no 2013), mingua de ano en ano. Veñen de se liquidar, de feito, as unidades destinadas a xogo, patrimonio cultural, ambiente e Urbanismo, mentres fican reducidas ao mínimo as de violencia de xénero, incendios forestais e menores. Todas competencias autonómicas que precisan, xa que logo, dun corpo policial de noso para garantirmos o cumprimento das decisións administrativas e de goberno da Xunta de Galicia.

Mentres, as carencias dos Corpos de Seguridade estatais na Galicia (PN e Garda Civil-GC-) son evidentes e a súa existencia é unha emenda á totalidade á desaquelada tese de que sexa o Goberno central quen cubra as nosas necesidades policiais. Segundo fontes sindicais, a GC ten 500 prazas non dotadas no noso País, cun feixe de postos e cuarteis que non dan no servizo acaído. Por outra banda, a PN (con outras 500 prazas sen cubrir) mantén un secular déficit dotacional na Galicia que impide, ademais, que o/as funcinario/as policiais de orixe galega poidan obter praza no noso País, com tampouco poden obtela na Autonómica.

Galicia, nas últimas etapas históricas, foi un País seguro. E, probabelmente, as porcentaxes de delincuencia sigan a ser razoábeis no contexto europeo. Mais xa non somos unha contorna tan segura. A Coruña, cunha poboación 9000 habitantes menor ca de Vitoria-Gasteiz, capital de Euskadi, tivo no 2022 un 21,18% máis delictos. Claro é que na capital vasca atende integralmente todas as necesidades da poboación a Ertzaintza.

“Galicia, nas últimas etapas históricas, foi un País seguro (…) Mais xa non somos unha contorna tan segura”

Sufre a nosa seguridade cidadá polo noso dependentismo. Porque temos os tres alicerces precisos para un modelo galego de seguranza, de noso. En primeiro lugar, a Academia Galega de Seguridade, na Estrada, fornece das necesidades formativas en emerxencias e policía, quer locais, quer autonómica. Grande vantaxe a de ter coberta a provisión de prazas policiais cunha Academia semellante. En segundo lugar temos unha lei de coordinación de policías locais e unha ampla normativa regulamentaria de desenvolvemento, ás veces mesmo moi limitadora a respecto da autonomía local, que é quen de orientar estes corpos cara ao seu artellamento nun sistema policial galego. En terceiro lugar, temos xa dende 2007 a lei que creou a Policía de Galicia, que segue arestora vixente. Axiña poderíamos integrar a Unidade Adscrita da PN como núcleo inicial da Policía de Galicia.

Que o Goberno de Galicia, que a sociedade galega, estea botar a perder tan bos alicerces para construír o noso modelo de seguridade adoita ser obxecto de falas incrédulas noutros países. Antigos altos mandos policiais da Ertzaintza e antigos cargos da Consellería catalá de Seguranza (próximos temporalmente, nos dous casos) afirman que é moi importante, si, a información e a cooperación interpolicial, no ámbito do Estado, da Europol ou da Interpol. Mais aínda é máis importante, unha policía de seguranza dirixida dende a proximidade. “Como pode ser, Xoán, que o voso Goberno non o vexa”, preguntábame un destes expertos policiais.

Xa non falamos da substancial mellora que tería a seguridade viaria de se transferir á Policía de Galicia, substancial mellora que acadaria ao funcionariado da Garda Civil de Tráfico de Galicia que podería integrar de vez unha Policía civil, democrática e axeitada ás nosas necesidades e características, moito menos pendente da recadación e moito máis da seguridade viaria.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.