Santiago de Compostela | O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto mediante o cal se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Sande, no concello pontevedrés de Arbo. Así, poranse en valor preto de 47 hectáreas, distribuídas en 351 parcelas de 115 propietarios.
A declaración de utilidade pública e de interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público aos efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento.
Cómpre sinalar que o pasado 2 de outubro saía publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo polo que se iniciaba o procedemento de aprobación para o desenvolvemento deste polígono, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria.
Estes polígonos teñen por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, en progresivo estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.