Galicia | Na 10ª sesión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial celebrada en Windhoek (Namibia) do 30 de novembro ao 4 de decembro, a asociación converteuse na primeira entidade galega en ser acreditada como asociación consultora do patrimonio inmaterial.
A Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial recolle no seu artigo 11b que os Estados deberán contar coa participación das Asociacións para a identificación, salvagarda e definición do patrimonio cultural inmaterial. Para conseguir a acreditación da UNESCO, as ONGs deberán ter probada competencia, coñecementos especializados e experiencia na salvagarda do patrimonio inmaterial. Ademais, demostrarán ter como mínimo acreditados catros anos de actividades e presentarán unha descrición das experiencias en materia de cooperación coas comunidades, os grupos e os profesionais do PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial).
Unha vez presentado o expediente na Secretaría da UNESCO, verifícase toda a documentación e apróbase o seu envío ao Comité Intergobernamental. Este comité somete os expedientes á aprobación e á súa vez, envíaos á Asemblea Xeral que ratifica a conformidade das recomendacións do Comité. O expediente de PNO! foi informado pola Secretaría positivamente, resultou aprobado polo Comité e próximamente será refrendado na seguinte Asemblea Xeral que terá lugar en xuño de 2016.
EQUIPO SOLVENTE
A asociación Ponte…nas ondas! está integrada maioritariamente por profesorado de ensino público ( escolas, institutos e universidades ) de Galiza e do Norte de Portugal. Desde hai 20 anos vén desenvolvendo un labor de transmisión e posta en valor do patrimonio inmaterial galego-portugués no ámbito educativo e tamén no cultural cunha importante actividade pública de promoción e recoñecemento deste patrimonio.
Ademais, conta con destacados especialistas no ámbito do patrimonio inmaterial que defenden a existencia do patrimonio común galego-portugués e que veñen realizando tareas de estudo e investigación en diversos eidos relacionados con esta cultura común:
• Alexandre Parafita. Profesor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Doutor en Cultura Portuguesa e mestre en Ciencias da Comunicación, especialidade de Antropoloxía da Comunicación.
• Álvaro Campelo. Profesor de Antropoloxía da Universidade Fernando Pessoa, Porto. Portugal.
• Carlos Nogueira. Profesor na Universidade Nova de Lisboa e na Universidade de Vigo. Especialista en Literatura Oral.
• Ria Lemaire. Profesora da Universidade de Poitiers (Francia). Especialista en literatura oral galego-portuguesa.
• Camiño Noia. Catedrática de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. Especialista en literatura oral galego-portuguesa.
• Xosé Manuel González Reboredo. Antropólogo. Membro do Museo do Pobo Galego e do Consello da Cultura Galega.
• Antonio Reigosa. Escritor e investigador da cultura galego-portuguesa de transmisión oral.
• Xosé Manuel Cid. Profesor de Pedagoxía na Universidade de Vigo. Especialista en pedagoxía e didáctica da transmisión do patrimonio.
FUNCIÓNS CONSULTIVAS
PNO! poderá exercer as función consultivas que o Comité Intergobernamental da UNESCO lle solicite, referidas a expedientes presentados para inscribir elementos na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial. Pode ser consultada en programas, proxectos e actividades relacionados co artigo 18 da Convención e no impacto dos plans de salvagarda dos elementos inscritos na Lista de Salvagarda urxente.
COÑECEDORES DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS
PNO! foi a asociación promotora da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, a primeira candidatura multinacional nacida a partir de centros educativos. Ademais, sumáronse ao proxecto gran número de comunidades de portadores como as asociacións integradas na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, as comunidades de montes e baldíos de Galiza e do Norte de Portugal, facultades universitarias, concellos, asociacións de artesáns ou de músicos tradicionais… O patrimonio oral galego-portugués é un referente universal na cultura pois a lírica medieval nacida desde unha tradición oral común é estudada e divulgada en diversas universidades de todo o mundo. Este patrimonio oral mantense vivo na actualidade e presenta unha unidade estrutural que perseverou a pesares da fronteira política establecida polos Estados.
HOMENAXE ÁS PERSOAS E COMUNIDADES PORTADORAS
Precisamente, o 25 de novembro, coincidindo co 10 aniversario da presenza do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da UNESCO en París, PNO! celebrou a GALA DO PATRIMONIO no Teatro Municipal de Tui. Un acto de recoñecemento ás persoas anónimas e ás comunidades que manteñen vivo o legado patrimonial a ambos lados da fronteira e que se sinten orgullosas de compartir unha cultura común.