Vigo | O Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acollerá este mércores 16 de novembro, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio, o acto de entrega de premios do 5º Certame “As imaxes do patrimonio” Inmaterial Galego-Portugués.
Será nun evento conducido por alumnado das propias escolas participantes, que estará aos micrófonos da emisora anfitrioa, Radio Piratona, que emite desde hai máis de trinta anos en colaboración coa Comunidade de Montes de Valadares e o Centro Veciñal e Cultural de Valadares. Durante o acto, o alumnado premiado fará lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas (Textos que poden atoparse aquí: http://pontenasondas.org/v-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/)
Durante a mesma xornada, o embaixador de España na UNESCO, José Manuel Rodríguez Uribes, estará en Vigo coincidindo co Día Mundial do Patrimonio, o próximo mércores 16 de novembro, para reunirse con Ponte…nas ondas! e apoiar a súa inscrición como modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.
Ademais, durante esa xornada o embaixador visitará o CEIP 6 do Nadal en Vigo, un centro educativo do modelo Ponte…nas ondas!
No acto está tamén prevista a participación da Ministra de Educación, Pilar Alegría, o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a directora xeral do Patrimonio Cultural, Carmen Martínez Insua, e a a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. O evento será retransmitido tamén por streaming de audio e vídeo a través da web de Ponte…nas ondas!
Estampas da memoria
Un emigrante canda a súa radio en Arxentina, mulleres no lavadoiro da Praza de Abastos de Ourense, o barco que levou un emigrante portugués a Brasil, o rancho de reis no Val de Caselas, un balneario da Póvoa de Varzim a comezos de século, unha familia emigrada en Francia a pé da Torre Eiffel… Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no V Certame de Fotografía “As imaxes do patrimonio” convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!
O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas.
En total premiáronse oito imaxes nas categorías de ensino primario e secundario, sobre un total de arredor de medio milleiro de imaxes recibidas a concurso.
Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Xurado e asociación agradécenlle aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación nesta cuarta edición do certame.
Premio de podcasts
Por segundo ano consecutivo, o certame incluíu tamén a convocatoria dun apartado para a creación de podcasts sobre as imaxes.
Unha forma de participar na que o alumnado tiña a oportunidade de preguntarlles ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza, etc. sobre as instantáneas e o seu contexto.
Neste apartado, na categoría de ensino primario o primeiro premio foi para un podcast conxunto que abrangue oito fotos sobre diversos elementos do patrimonio, e que foi elaborado por alumnado do CEIP da Ramallosa (Teo).
Por outra banda, na categoría de ensino secundario obrigatorio, o premio foi para Cristina Louredo Pérez, do IES Alexandre Bóveda (Vigo), polo podcast que nos explica unha imaxe pertencente á súa familia, foto sobre a semente do millo á que lle calculan máis dun século de historia. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao podcast dunha alumna do IES San Rosendo de Mondoñedo.
O xurado acordou por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder unha mención especial ao CEP Carlos Casares de Alxén, de Salvaterra de Miño, polo excelente traballo de Recolla do Patrimonio titulado ”Proxecto Patrimonio no CEP Carlos Casares” no que usando 58 fotografías de diversos ámbitos do Patrimonio mergullan o alumnado na investigación e coñecemento de importantes aspectos do Patrimonio Cultural.
Hai que lembrar que era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común.
Con esa finalidade, propúxoselles a través deste certame que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
Vinte e sete anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.
En decembro de 2022 decidirase a inscrición de Ponte…nas Ondas! na UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España en marzo de 2021, será a primeira inscrición para Portugal e Galicia.