París | Durante os días 4, 5 e 6 de xuño en parís desenvolveuse na sede a UNESCO a 7ª Sesión da Asemblea Xeral dos Estados parte da Convención de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Desenvolvéronse diversas accións relacionadas co patrimonio cultural, desde sesións plenarias con representacións dos países até mesas redondas sobre a importancia da salvagarda do patrimonio para a calidade e a relevancia da educación, entre outras actividades.
Un dos focos desta sesión foi precisamente a importancia da salvaguarda do patrimonio inmaterial a través dunha educación relevante e de calidade. Unha mesa redonda con representacións de varios países debateu a importancia que a Convención concede á educación na transmisión e coñecemento das expresións do patrimonio cultural inmaterial.
As ONGs acreditadas tiveron un espazo propio para o debate e o intercambio de ideas e experiencias, previamente coordenadas no Forum das ONGs, dando oportunidade a presentar diversas actividades, vídeos ou materiais relacionados co patrimonio inmaterial. www.ichngoforum.org
Ponte…nas ondas! divulgou as actividades que está a desenvolver neste Ano Europeo do Patrimonio e presentou a edición do libro-disco-dvd NA PONTE en inglés, español e portugués. Este libro recolle a traxectoria desenvolvida pola asociación ao longo dos seus 23 anos que ten sido premiada polas súas boas prácticas no traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués, mesmo coa obtención do prestixioso premios Ondas de comunicación.
A delegación de Ponte…nas ondas! estivo formada por profesores galegos e portugueses, entre os que participou o antropólogo da Universidade Fernando Pessoa, Álvaro Campelo, quen xa asistiu á última convención celebrada en Addis Abeba ( Etiopía ).
Actividades no Ano do Patrimonio
No ano en que na Unión Europea se está a celebrar o Ano do Patrimonio Cultural Ponte…nas ondas! está a realizar diversas actividades que veñen tendo unha continuidade e unha presenza constante no ámbito educativo e cultural de Galiza e de Portugal como a celebración do Día Mundial da Radio proposta pola UNESCO.
O certame de recolla As imaxes do patrimonio, unha convocatoria dirixida prioritariamente aos centros educativos da Eurorrexión e aberta ás asociacións e entidades culturais, fechou a fase de recepción e no mes de setembro daranse a coñecer as imaxes e os textos premiados.
Ponte…nas ondas ! divulgará a partir de setembro nos centros educativos da Eurorrexión as unidades didácticas sobre o patrimonio inmaterial galego-portugués para dar a coñecer nas escolas da Eurorrexión as manifestacións e as expresións do patrimonio cultural galego-portugués.