Ponte… nas ondas! premiada polo seu labor a prol do patrimonio común

A Fundación Peña Novo vén de fallar a XXIII edición dos premios pola defensa e promoción da lingua galega. Ponte...nas ondas! é o colectivo premiado ao lado de Xurxo Mariño e de Sandra Piñeiro nos seus respectivos ámbitos

Ponte nas Ondas

O pasado 29 de xuño Ponte…nas ondas! recibiu o premio Peña Novo pola labor desenvolvido ao longo de dúas décadas a prol do patrimonio inmaterial galego-portugués. O xurado valorou a contribución de Ponte…nas ondas! na dinamización e transmisión do patrimonio no ámbito educativo e cultural a través da radio, Internet, as novas tecnoloxías e as redes sociais.

Destaca tamén o xurado o achegamento a diversos sectores sociais a partir das comunidades de portadores que transmitiron os seus coñecementos nas aulas e nas actividades de dinamización realizadas por todo o territorio da Eurorrexión.

Tamén se recoñece no galardón o traballo realizado por antropólogos, filólogos e investigadores de Galicia e do Norte de Portugal arredor de Ponte…nas ondas! para que a asociación fose recoñecida pola UNESCO como ONG consultora para o patrimonio inmaterial.A transmisión da lingua, e do seu patrimonio, ás novas xeracións é o labor que o xurado valora especialmente pola súa importancia no momento actual de perda de uso nas idades máis novas.

No acto de entrega dos premios actuou o grupo Luar na lubre e contou coa asistencia do Conselleiro de Educación e Cultura, o Secretario Xeral de Política Lingüística e o Deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.

NA REDE DO PATROMIO

Ponte…nas ondas! está impulsando xunto con máis de 50 entidades a Rede de Patrimonio Cultural de Galicia. Unha rede que nace coa vontade de colaborar na defensa do noso patrimonio cultural e na posta en valor das súas expresións e manifestacións.

A súa constitución tivo lugar o pasado sábado 3 de xuño no Museo do Pobo Galego onde 33 asociacións presentes ratificaron o acordo fundacional da Rede.

A Rede servirá coma un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan dela e tamén para promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais.

A Rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban á Galicia territorial, senón tamén campañas que abrangan outros espazos, coma o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de Asturias e de Castela e León. Neste senso, dará apoio a iniciativas como a de Ponte…nas Ondas! relacionadas co patrimonio común galego-portugués.

Ponte…nas ondas! realizou a XIII edición da súa xornada de radio interescolar baixo o lema Na Rede do patrimonio en 2007.