Vigo | No evento, Ponte…nas ondas! recibiu o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022. A decisión do xurado, coñecida a pasada primavera na véspera do 25 de abril, quere ser “un premio para quen tende pontes entre a Galiza e Portugal”.
Xa na presentación da gala o pasado luns, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo “mención especial este ano para o colectivo Ponte… nas ondas!, que xusto acaba de ser recoñecido pola Unesco no Rexistro de Boas Prácticas co patrimonio inmaterial”. Na gala proxectouse un vídeo com diversos momentos da experiencia e interviu Esmeralda Carvalho e Santiago Veloso en representación de Ponte…nas ondas!
Esmeralda subliñou que “este premio é un incentivo máis para seguir traballando co alumnado porque Ponte…nas ondas! ten marcado a diferenza en moitas xeracións de xoves”. Santiago Veloso destacou que o premio era “compartido aos dous lados da fronteira e tamén com moitos centros educativos, familias e persoas portadoras do patrimonio inmaterial” e finalizou cun verso de Guadi Galego, “mudamos fronteiras por pontes”
Na cerimonia, as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira recolleron os seus galardóns por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse eu?, respectivamente.
Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante galego Xisco Feijóo, foron os gañadores no apartado musical polos temas Andorinhas e Peixe. A gala estivo conducida por Fran Rei e Isabel Risco e contou coas actuacións en directo da artista setubalense A garota não e da galega Catuxa Salom, mentres que Mosquetera e Vieira puxeron a nota poética ao evento.
Celebración da inscrición na UNESCO
E para celebrar a inscrición na UNESCO Ponte…nas ondas! realiza un encontro convidando a profesorado, alumnado, representantes institucionais e persoas de Galicia e Portugal que ao longo destes 27 anos traballaron para que Galicia e Portugal teñan o primeiro modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial inscrito na UNESCO. A festa vai ter lugar no espazo Copo sen fundo, ao pé da Ponte da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Algunhas mensaxes en formato audiovisual están a chegar desde diversos lugares diante da imposibilidade de estar presencialmente na festa como os da artista Uxía desde Marseille ou de Augusto Canário desde Lisboa.