Vigo | Hoxe pola mañá presentouse na sede co Consello da Cultura Galega o proxecto de Meniños Cantores 2- Cantamos nós ! en rolda de prensa por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG; Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo; Santiago Veloso, presidente de PNO!; Segundo Grandío, produtor do documental e do aspecto musical; e Fernando Abreu, profesor, músico e padriño dun dos centros participantes desta iniciativa.
16 anos despois de Meniños Cantores
Trátase dunha nova proposta realizada a partir da primeira edición de Meniños Cantores editada en 2005. Naquel entón foron 17 centros educativos localizados entre Vigo e Porto quen recrearon temas do patrimonio musical galego-portugués. Un tema común composto por Uxía Senlle e Segundo Grandío foi gravado nun videoclip na ponte entre Tui e Valença por máis de 500 xoves das dúas beiras.
O traballo realizado foi presentado como un exemplo do compromiso das escolas co patrimonio inmaterial galego-portugués que fora presentado na UNESCO por Ponte…nas ondas! co aval de Portugal e España.
Este novo proxecto ten unha maior dimensión pois abrangue toda a fronteira entre Galicia e Portugal e preséntase como unha das boas prácticas de Ponte…nas ondas! E que servirá para apoiar a candidatura de Ponte…nas ondas! oo rexistro das mellores prácticas co PCI ( Patrimonio Cultural Inmaterial ) presentada xa na UNESCO por Portugal e España.
Son outra vez 17 centros educativos de Galicia e de Portugal que prepararon un novo repertorio musical que transcende ese espazo poñendo en diálogo permanente as dúas beiras da fronteira. Os escolares de cada un deles escolleron un artista que apadriña e participa no proxecto.
Os colaboradores nesta ocasión son: Pancho Álvarez (Tui), A Roda (As Neves), Lucía Pérez (O Rosal), Zaraida de Maskarpone (Verín), António Zambujo (Montealegre), Augusto Canário (Valença e Viana do Castelo), Sons do Minho (Monção) Daniel Pereira (Melgaço), Vozes da Radio (Chaves), Cuarteto Caramuxo (Salvaterra), Andrea Pousa (Tomiño), Jaime Álvarez (Caminha), Luis Caruncho (A Guarda), Castriño de Rebordechán (Crecente), Uxía (Salceda de Caselas), Cándido Miranda (Vilanova da Cerveira). Casa de Tolos produce este traballo que, segundo explicou Segundo Grandío, “ampliou o repertorio da música tradicional e incorporou tamén temas da música popular”.
Son 17, un por cada centro, ao que se lle engade a canción “Máis perto”, que continúa a ser o himno do proxecto. Se en 2005 era a rapazada a que a cantaba, desta volta son os padriños e madriñas os que lle poñen voz. O disco contén cada tema musical xunto co seu correspondente videoclip e karaoke.
O resultado deste proxecto, que viu trastocado os seus prazos por mor da pandemia, tradúcese nun libro disco, nunha serie documental, nun espazo web e un glosario.
“É un proxecto que ten de todo, xunta xente nova, traballa co patrimonio inmaterial, está destinado a público familiar, implica unha aprendizaxe e, ademais ten calidade” apuntou Cecilia Pereira, Comisaria do Xacobeo 21 que financiou esta iniciativa no marco do programa o Teu Xacobeo.
“A ninguén se lle escapa que temos un patrimonio ancestral que non entende de raias pintadas no mapa” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación do proxecto Meniños cantores 2 que contribúe a “axudar a construír a identidade común que outros proxectos contribuíron a desdebuxar”.
Dezaseis anos despois do libro-disco Meniños cantores, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! saca unha nova edición do proxecto que parte da esencia daquela iniciativa para poñer en valor o vizoso patrimonio oral galego-portugués na raia.
O libro-disco
A publicación foi coeditada entre o Consello da Cultura Galega e Ponte…nas ondas! con ilustracións de Andrés Meixide. Inclúe textos da escritora galega Rosa Aneiros, do escritor portugués Marco Neves e dos profesores Helena Pousa e Santiago Veloso. Nel inclúese unha breve descrición de cada centro educativo e unha referencia ao patrimonio cultural do concello, onde se recollen expresións e léxico característico de cada municipio.
Ademais, contén imaxes de todo o proceso de gravación nun USB e un código QR que remite ao espazo web onde está aloxada a serie documental. O produto audiovisual, segundo explicou Grandío na rolda de prensa, contén o proceso levado a cabo desde setembro de 2020 para realizar o documental.
Contén declaracións do profesorado implicado, opinións do alumnado, testemuños de veciños e veciñas, imaxes dos lugares de gravación e videoclips protagonizados polo alumnado e os artistas colaboradores. Está dividido en catro capítulos e a adxunta a dirección da CRTVG, Rosa Vilas, anunciou que a Televisión de Galicia o vai emitir durante o Nadal.