Vigo | O IES Plurilingüe Fontexería, en Muros, con longa e intensa traxectoria no traballo co patrimonio, acolle a presentación. “A fotografía ten esa fascinante evocación da inmortalidade, recuperamos a historia dos avós, dos pais, dos traballos, das viaxes, das festas…permítenos reconstruír os momentos máxicos da antropoloxía cultural da nosa terra; por iso, o Certame de Recolla ‘As imaxes do patrimonio’ é tan importante”.
Así o explica Anxo Cabada, fotógrafo e membro do xurado do Certame “As imaxes do patrimonio“, organizado anualmente pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…Nas Ondas! Este experto asina o prólogo da obra ‘Memoria e Patrimonio. Unha boa práctica co Patrimonio Cultural Inmaterial’, proxecto dixital editado co apoio do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.
No limiar, Anxo Cabada salienta a importancia da iniciativa da asociación para, desde a escola, “coidar a esencia do que somos”, entender mellor as nosas orixes e non ser simples espectadores da compracencia das imaxes, “senón tamén a axudar a construír unha formación máis solidaria, máis informada, máis crítica e máis coñecedora da nosa historia”.
A iniciativa, realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021- 2022, preséntase este mércores 11 de maio no IES Plurilingüe Fontexería (Muros). No evento de presentación participará alumnado do centro educativo, ademais da coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Chus Abraldes, e a directora do centro, María José Lago.
O IES Plurilingüe Fontexería é un dos centros con maior participación ao longo das diferentes edicións do Certame “As imaxes do patrimonio” e acumula un longo e intenso traballo e implicación na normalización e transmisión do patrimonio inmaterial galego-portugués
Proxecto multimedia
A publicación dixital ‘Memoria e Patrimonio’ ofrécenos 25 fotografías seleccionadas entre as recollidas nas primeiras edicións do Certame “As imaxes do patrimonio” de PNO!, que en 2022 alcanza xa a súa quinta convocatoria.
As imaxes son exemplo de como a mocidade de centros educativos de Galicia e de Portugal toma contacto coas xeracións anteriores e recolle as memorias asociadas ao patrimonio inmaterial galego-portugués a partir de álbums fotográficos familiares. Cada unha das fotografías vai acompañada dun texto explicativo redactado polo alumnado.
Ademais, cada fotografía é interpretada graficamente a través dunha banda deseñada elaborada polo prestixioso ilustrador Andrés Meixide, un colaborador habitual dos diferentes proxectos de Ponte…Nas Ondas! Alén do libro en formato descargable, os materiais contan cunha versión multimedia enriquecida con diversos contidos.
Por unha beira, pode consultarse en formato de audiolibro e escoitar os podcasts que acompañan cada unha das imaxes. E por outra parte, proporciónanse unha serie de actividades interactivas pensadas para o aproveitamento didáctico a partir das temáticas relacionadas coas diferentes fotografías.
O libro estará dispoñible desde o 11 de maio de 2022 no Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística e na web de Ponte…Nas Ondas! Vinte e sete anos de traballo en prol do patrimonio.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, organizadora do certame, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación.
En decembro de 2022 decidirase a inscrición de Ponte…Nas Ondas! na UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España en marzo de 2021, será a primeira inscrición para Portugal e Galicia. V Certame “ As imaxes do patrimonio”. Está aberta a convocatoria da V edición do certame a través da Web www.pontenasondas.org. Convidamos a escolas e familias a participar na vindeira edición.