Vigo | “Tenemos una gran noticia! Se ha presentado ante la UNESCO la candidatura de Ponte nas Ondas como Registro de Buenas Prácticas para su debate en el próximo Comité”. Así o anunciaba desde as súas redes sociais o propio Ministerio de Cultura (Instagram @somospatrimonio) este marzo de 2021.
Segue así o proceso desde que a Comissão Nacional da UNESCO de Portugal, o Ministerio de Educación y Cultura de España e a Xunta de Galicia comunicaran oficialmente hai xa tres anos a súa intención de promover a Ponte…nas ondas! ao rexistro das mellores prácticas de salvagarda co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Unha iniciativa que gaña impulso desde este mes de marzo de 2021 coa presentación oficial da candidatura na UNESCO, asinada conxuntamente polos respectivos embaixadores portugués e español na institución, António Nóvoa e Juan Andrés Perelló Rodríguez.
A inscrición do “modelo Ponte…nas Ondas! na UNESCO permitirá dar a coñecer unha experiencia única creada e deseñada no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Para a Asociación trátase dun fito fundamental nunha traxectoria que vén de cumprir os 25 anos de historia e que vai contribuír a sensibilizar o traballo desenvolvido pola comunidade educativa e o ámbito cultural galego-portugués co patrimonio compartido.
Un selecto grupo que a UNESCO distingue para servir de inspiración
Estar na Lista das Mellores Prácticas co PCI supón que a UNESCO promoverá o modelo PNO! en todo o mundo. Tal como se recolle no dosier presentado, un dos requisitos imprescindibles que debe cumprir calquera boa práctica é que esta poida ser implantada en calquera parte do mundo.
A orixe desta Lista está no artigo 18 da Convención para a Salvagarda do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO, que establece a selección periódica daqueles programas, proxectos e actividades que mellor reflictan os obxectivos da Convención. A UNESCO quere que este Rexistro sirva de fonte de inspiración en todo o mundo a todas as persoas e institucións interesadas na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Na actualidade apenas 25 proxectos de todo o mundo integran este selecto grupo.
Un proceso que culminará en novembro de 2022
Desde a confirmación hai tres anos das respectivas administracións da súa intención de promover a candidatura, realizouse un intenso traballo de documentación que pasou as avaliacións de todas as institucións implicadas. Logo da presentación por parte dos embaixadores de Portugal e España na UNESCO, do dossier da candidatura, o Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial examinará os materiais presentados para avaliar que a proposta cumpra con todos os requisitos formais.
O chanzo seguinte son as fases de estudo e de documentación ata o 30 de setembro de 2021, e unha última fase de avaliación entre decembro e xuño do ano 2022. E no mes de novembro de 2022, logo de todos os trámites previos, o Comité faría á fin pública a inscrición no Rexistro das Boas Prácticas co PCI.
Vinte e cinco anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, organizadora do certame, leva vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado tamén en anos anteriores nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación.
Toda a información nas webs da asociación: • www.pontenasondas.org • www.opatrimonio.org • www.escolasnasondas.org