Vilar de Santos | A iniciativa Ponte…nas ondas! recolleu onte o premio da Fundaçom Meendinho 2021 na Arca da Noe en Vilar de Santos.
Recibiu o galardón nun acto no que tamén se fixo entrega do premio 2020, xa que a cerimonia tivo que ser cancelada como consecuencia da pandemia da covid.
A distinción para Ponte… nas ondas! foi concedida no mes de maio e a Fundaçom Meendinho xustificou a súa escolla porque leva desde 1995 “promovendo a identidade cultural comum galego portuguesa, desde uma perspetiva de integração europeia”, e destacou alguns dos seus principais labores.
Neste sentido, subliñou que é unha asociación cultural e pedagóxica, que leva a traballar desde 1995, con persoas e recursos pedagóxicos, relacionando profesorado e escolares entre Galicia e Portugal.
Ademais, promove desde o ano 2002 ante os Gobernos portugués e español a candidatura do Património imaterial galego-portugués, proposta que naceu dun proxecto pedagóxico de escolas da eurorexión Galicia-Norte de Portugal.
Por outra parte, e segundo destaca a Fundaçom Meendinho, Ponte… nas ondas! contribúe a revalorizar o traballo constante da asociación para cambiar a realidade e impulsar o recoñecemento do patrimonio inmaterial común, con toda a labor que eso supón, e ten ademais promovido todo tipo de alabanzas para que ese patrimonio inmaterial volva a ser proclamado pola Unesco como un importante valor cultural a preservar polo conxunto da sociedade.
Meendinho engade que “ao premiar a Ponte… nas ondas!, está reconhecendo o trabalho incansável e inabalável de gentes ligadas ao mundo do ensino da Galiza e Portugal”.
Os premios Meendinho son un recoñecemento a persoas e entidades que teñen unha acreditada traxectoria na difusión cultural galego-portuguesa e a súa proxección mundial.