Ponteareas | A Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, ultima xa as actividades que complementarán a ampla programación da quinta edición da Feira do Libro de Ponteareas, que se celebra do 15 ao 18 de xullo. Pensando no público infantil, o Concello organiza durante estes días unha serie de obradoiros, contacontos e actividades de animación coas que os nenos e nenas poderán achegarse á lectura e á literatura dun xeito diferente e divertido.
O edil de Cultura convida a toda a veciñanza a participar na Feira e nas súas actividades, “pensadas para animar á lectura a pequenos, pequenas e maiores pero tamén para dinamizar o sector e dinamizar a vila”.
As actividades para os máis cativos e cativas comezarán o venres 16 de xullo cun obradoiro marcapáxinas Ex Libris pola mañá (de 12.15 a 13.00 horas) e coa xincana Bambán de Vento pola tarde (de 16.30 a 18.00 h). Xa o domino 18 os nenos e nenas poderán divertirse co obradoiro de carteis ‘Estou lendo, non molestar’ de 12.15 a 13.00 horas e pola tardes poderán achegarse á lectura co contacontos de Paula Carballeira, que fará gozar ao público coa súa ‘Merenda de contos’.
Xunto con esta programación dirixida ao público infantil, a Feira do Libro encherá durante catro días a Praza Maior coa presentación e sinatura de 22 obras literarias. Unha intensa programación á que lle porá punto e final a presentación ás 21.00 horas de ‘Palabra de Martes’, unha antoloxía que recompila os textos do alumnado do Obradoiro de Escrita Creativa de Ponteareas 2020, coordinado por María Lado e editado polo Concello de Ponteareas.
Participa e… remata o conto!
Esta edición, a Feira do Libro acollerá de novo o concurso ‘Remata o conto…’, unha iniciativa da Concellería de Cultura en colaboración con Centro Comercial Aberto Banastra coa que se busca fomentar a escritura en galego. As persoas interesadas poderán recoller na caseta da Secretaría o papel de participación, no que deberán incluír os seus datos e rematar a historia que se propón cun só texto escrito en galego. As propostas deberán entregarse na caseta antes do peche da feira.
A organización establecerá un xurado para participar na elección dos tres textos gañadores, que serán premiados con:
1º premio. Unha tableta dixital.
2º premio. Un lote de libros valorado en 75 euros.
3º premio. Un lote de libros valorado en 50 euros.
Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira abrirá as súas casetas de 12.00 a 14.00 horas (agás o xoves 15) e de 18.00 a 22.00 horas.
Volven as escolas deportivas a Ponteareas
As escolas deportivas regresan este verán a Ponteareas cunha morea de propostas para que cativos e cativas a partir de 6 anos gocen dunhas vacacións estivais saudábeis e activas. A Concellaría de Deportes, que dirixe Miguel Bouzó, acaba de abrir o prazo de inscrición para participar nestas actividades dirixidas a infancia e mocidade que serán totalmente de balde e que contarán con prazas limitadas. As familias interesadas teñen ata o vindeiro 19 de xullo para realizar a solicitude no Rexistro de entrada do Concello.
Tras a imposibilidade de abrir o pasado verán a causa da situación sanitaria, as escolas deportivas volven á vila con novidades entre as propostas que se ofertan. Así, por primeira vez os nenos, nenas e mocidade poderán practicar dentro das escolas fútbol gaélico, que se desenvolverá os martes ás 11.00 horas co Condado Fútbol Gaélico.
Tamén se estrea a petanca, con clases os mércores venres do 21 ao 30 de xullo a partir das 09.30 horas grazas ao Club Petanca El Parque.
As rapazas e rapaces tamén poderán practicar baloncesto os luns ás 17 horas co Club Baloncesto Condado e hóckey os venres ás 18.30 horas co Hóckey Club Ponteareas. Ademais, poderán inscribirse en patinaxe co Club Luar e co Club Tea martes ás 17.00 horas e xoves ás 19.00 horas; en fútbol sala, onde adestrarán os xoves ás 10.30 horas co Fútbol en 40×20; en tenis, que poderán practicar os xoves ás 12.00 horas co Club Tenis Ponteareas; ou billar, que será os mércores ás 18.00 horas co Club Billar Sportivo.
O concelleiro de Deportes anima a todos os nenos, nenas e mocidade a participar nas escolas deportivas de verán, coas que se pretenden “fomentar hábitos de vida saudábeis e promocionar o deporte para todas as persoas como medio de ocupación do tempo de lecer e medio educativo”.