Ponteareas acada dúas Flores de Honra do movemento Vilas en Flor Galicia 2024

O acto contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente

Ponteareas | O concelleiro de Comercio e Letras, Ricardo González, e o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Cao, recolleron hoxe as dúas Flores de Honra outorgadas polo movemento Vilas en Flor Galicia 2024. Esta é a segunda vez que o Concello de Ponteareas participa conseguindo o recoñecemento tanto do movemento como do xurado que decidiu premiar as melloras realizadas na vila en cuestións ambientais e ornamentais pasando dunha flor a dúas flores.

A gala de hoxe tivo lugar na Casa do Concello de Salvaterra contando coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto; da alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel Gómez; e dos representantes das tres entidades promotoras: Enrique Sáez Ponche, presidente da Fundación Juana de Vega; Víctor Pérez Vilar, presidente de Agaexar e Fernando Otero Vilariño, vicepresidente de Asvisnor.

Ademais de Pedro Calaza Martínez, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, acompañaron aos representantes municipais os membros do xurado que avaliaron os programas e actuacións ambientais dos municipios. Os patrocinadores desta edición son a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, e as empresas ambientais Husqvarna, Rain Bird e Makita.

A concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fdez. Táboas, manifesta a súa satisfacción por este recoñecemento que “amosa que imos por bo camiño e valora os esforzos realizados polo Concello que foi o primeiro de Galicia en presentar a estratexia de infraestrutura verde e que deseña accións que involucren a toda a sociedade para embelecer a vila”.

Vilas en Flor é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. En Galicia está impulsado pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR).

En España as outras entidades nas que está implantado o movemento son Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia e, a nivel internacional, en Francia (Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.