Forma parte do programa lectivo que os alumnos desta escola desenvolven ao longo do curso para adquirir unha formación profesional como directores de banda de música e terá como tema central “A Xeración dos Mestres”
Ponteareas | A Academia Europea de Dirección de Banda, con sede en Fornos de Algodres, Portugal, organiza un encontro do seu curso académico no Auditorio Municipal “Reveriano Soutullo”, en Ponteareas. O evento terá lugar os vindeiros días 18 e 19 de febreiro e contará coa colaboración do Conservatorio Municipal.
Trátase dun dos 8 encontros que a Academia, fundada no ano 2014, organiza ao longo do curso e que teñen como principal obxectivo a formación teórica e sobre todo práctica dos 25 alumnos que participan no ano académico 2016/2017. Cada encontro organizado pola entidade versa dunha temática diferente. A reunión que manterán mestres e alumnos en Ponteareas terá como tema central “A Xeración dos Mestres” con música de Julio Gómez e Jesús Guridi.
“Esta iniciativa tivo a súa orixe nun proxecto que foi presentado ao Concello ao comenzo do curso 2015/16 e que resultou moi positivo, cunha alta valoración por parte do alumnado do Conservatorio participante, sendo unha formidable oportunidade de organizar un evento musical de prestixio na vila”, sinalou Cristina Fernández, edil de Ensino.
Tanto o sábado 18 como o domingo 19 de febreiro haberá aulas abertas para que toda a veciñanza interesada poida asistir aos ensaios dos alumno/as da Academia co alumnado do propio Conservatorio Municipal, nun exercicio no que os aspirantes a directore/as de bandas de música e orquestras porán en práctica os coñecementos adquiridos. Francisco Abal, director do Conservatorio, garantiu “que os alumnos están traballando duro para participar neste evento e ilusionados por poder participar e disfrutar desta experiencia educativa”.
A aula aberta do sábado terá lugar dende as 18.00 até as 20.00 horas, mentres que a do domingo será de 11.30 a 13.00 horas.
Tanto Javier Viceiro como Toni Cantal, profesores e fundadores da Academia Europea de Dirección de Banda serán os encargados de impartir o curso neste encontro.
“O Concello seguirá colaborando coa proposta, propiciando que unha academia coma esta e unha vila cunha enorme tradición musical poidan consolidar un vínculo produtivo para as dúas partes”, engade o alcalde, Xosé Represas, quen incidiu “que os responsables da Academia non se arrepentirán de ter escollido Ponteareas como lugar para celebrar estes encontros”.