Ponteareas | A Alcaldesa de Ponteareas en funcións, Cristina Fernández Davila, informou que nos últimos días vense detectando un aumento de novos casos diagnosticados de COVID-19 na localidade, achegándose progresivamente nos últimos catorce días a unha incidencia acumulada de 100. Por este motivo, Ponteareas acollerá un cribado masivo do Sergas o vindeiro luns 19 no Complexo Polideportivo Municipal Álvaro Pino.
En conversas co Xerente da Área Sanitaria de Vigo, a alcaldesa en funcións puxo á disposición do Sergas as instalacións que fosen precisas, así como os recursos humanos para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento das probas.
“A realización deste cribado, que xa tiñamos solicitado en anteriores ocasións nas que aumentara a incidencia acumulada, permitirá detectar ás persoas asintomáticas que, sen sabelo, poidan estar contribuíndo á expansión da COVID-19 na localidade. É fundamental detectalo a tempo para frear a cadea de contaxios”, sinalou Fdez. Davila.
A alcaldesa en funcións e concelleira de Saúde apela á responsabilidade da veciñanza que sexa convocada para a realización destas probas. “As persoas que a Xunta seleccione recibirán un aviso coa hora á que se deben presentar na instalación. Pregamos que toda a veciñanza acuda á cita e cumpra escrupulosamente coa hora de convocatoria, sen adiantarse nin atrasarse, xa que isto será fundamental para a organización e bo desenvolvemento da xornada”, subliñou Davila.
Ponteareas continúa no nivel medio-baixo de restricións, o que implica que dende este venres a hostalaría continuará permanecendo aberta até as 21 h cun aforo interior do 50% e do 75% no caso das terrazas. Os restaurantes poderán servir ceas até as 23:00, hora na que se establece o toque de recollida.