Ponteareas | O Concello mantivo este mércores un encontro aberto á veciñanza para presentar a adhesión de Ponteareas á Estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Saúde, unha iniciativa do Ministerio de Sanidade que persegue a promoción da saúde e a prevención co obxectivo de gañar anos de vida en boa saúde. Nesta reunión participativa, o público puido achegar propostas e demandas para optimizar o traballo futuro de promoción da saúde dende o Concello.
“Os cambios na pirámide de poboación falan non só dun avenllentamento importante da poboación, senón de que en 2052 as vilas contarán cunha taxa de dependencia de case o 77%. Por iso, é fundamental adoptar medidas para fomentar a saúde e o benestar da poboación, promovendo estilos de vida saudábeis e potenciando a seguridade”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.
Ao abeiro deste compromiso, o Concello avanzará na constitución dunha mesa intersectorial no municipio como instrumento que permita colaborar e adaptar as accións da Estratexia á realidade da vila, realizando a coordinación, seguimento e avaliación da súa implementación no municipio. Ademais, tamén se realizará un mapa dos recursos municipais que poidan ser empregados para mellorar a calidade de vida da veciñanza que será accesíbel en liña para coñecemento da veciñanza e dos e das profesionais da saúde.
A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, destacou que “estamos ante unha grande oportunidade para integrar e coordinar esforzos de promoción da saúde e prevención entre todos os niveis, sectores e actores implicados, xerando un impacto positivo na saúde e benestar dos nosos veciños e veciñas”.