Ponteareas | O goberno municipal do BNG e PSOE adxudicou as obras de humanización da Praza de Bugallal por un importe de 605..338,28 euros. A actuación está financiada ao 80% con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea no marco da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudábel” mentres o Concello achega dos seus propios fondos o 20% restante. Ao concurso público presentáronse un total de doce empresas.
Na actualidade, a céntrica Praza de Bugallal ten pouco máis de 1.000 m2 de superficie e está rodeada perimetralmente por viais destinados á circulación e estacionamento de vehículos que ocupan uns 2.000 m2, convertendo á praza nunha sorte de rotonda. Coa humanización a praza triplicará as súas dimensións superando con creces os 3.500 m2 ao unirse en plataforma única a todas as fachadas circundantes e ao espazo ocupado pola igrexa parroquial. Deste xeito a Praza de Bugallal integrarase nas zonas xa humanizadas da contorna da Igrexa, a rúa de Oriente e Esperanza e a Praza Maior conformando todas elas un espazo de máis de 20.000 m2 humanizado pensado para as persoas, a súa mobilidade e estancia e para unha actividade comercial de calidade.
Ademais, a reforma e transformación conleva a creación de espazos verdes, a dotación de novo arborado de grande porte que achegará sombra á praza, grandes xardineiras, bancos e mobiliario urbano así como nova iluminación. As obras tamén inclúen a renovación das canalizacións de subministros soterrados e de saneamento e o soterramento dos cableados actuais.
Esta actuación, ao igual ca outras como a humanización do primeiro tramo do Paseo Matutino, a praza creada diante do Mercado e Auditorio, a humanización da rúa Redondela, da rúa San Roque no primeiro tramo ou da contorna da Piscina e Centro de Saúde teñen como obxectivo superar o desastre urbanístico de Ponteareas e favorecer a mobilidade sustentábel a pé e en bicicleta e a redución do tráfico e da contaminación atmosférica e acústica, reducindo as emisións de carbono. As actuacións desenvólvense en base a unha planificación previa traducida na estratexia de desenvolvemento urbano (EDUSI) e no Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) que marcan as directrices do que será no futuro inmediato Ponteareas.
O proxecto de transformación da Praza de Bugallal foi seleccionado mediante concurso por un xurado de técnicos de recoñecido prestixio e contou cun proceso de participación e consulta veciñal no que interviron residentes da zona, comerciantes ou alfombristas.
O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías, Obras e Alumeado Chus Garrote amosáronse satisfeitos coa adxudicación e o inminente inicio das obras porque “con esta actuación tan importante continuamos avanzando na transformación de Ponteareas para convertela nunha vila pensada para as persoas. A humanización da Praza de Bugallal aumentará a calidade de vida en Ponteareas e suporá un maior atractivo comercial do centro urbano”.