Ponteareas | O Concello de Ponteareas informa que ten previsto adxudicar neste mes de xullo o contrato de continuación da obra de reurbanización do primeiro tramo da rúa San Roque. Neste momento está aberto o prazo de licitación ata o vindeiro día 16 de xullo, ás 14 horas, para que as empresas poidan presentarse a través dun concurso público aberto para a execución deste proxecto que conta co financiamento do concello de Ponteareas e dos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea a través da estratexia EDUSI.
O orzamento de licitación é de 101.672,93€ dos que o Concello aportará 20.334,58€ e os fondos europeos FEDER 81.338,34€. Estas obras xa foran inicialmente licitadas por 171.693,07€ e tras o abandono da obra por parte da empresa adxudicataria o Concello iniciou as medidas legais oportunas para poder rematalas.
O goberno local explica que se seguiron todos os procedementos administrativos precisos que son “complexos pero imprescindibles” para garantir a legalidade do concurso, prazos que se prolongaron coa parálise do estado de alarma e agradece a comprensión das e dos veciños da zona que tiveron que padecer as consecuencias de estar durante todo este tempo coa rúa levantada e sen que o Concello poidera rematar a obra.