Ponteareas amplía persoal a través do Plan +Emprega

Trátase de tres novos traballadores en medio ambiente, emprendemento e auxiliar de clínica

Ponteareas | Tres novos profesionais prestarán os seus servizos no Concello de Ponteareas grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra a través do plan +Emprega.

Unha persoa técnica en medio ambiente, unha técnica en emprendemento e unha auxiliar de clínica traballarán durante doce meses para contribuír á mellora dos servizos prestados a cidadanía.

A alcaldesa, Nava Catro, recibiu a estas novas traballadoras/es que se incorporan aos departamentos de Emprendemento e de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, ambos dirixidos pola concelleira Silvia Fdez. Táboas e ao departamento de Benestar Social que dirixe a concelleira Raquel Plana. Tamén desenvolverán as súas funcións no departamento de Comercio.

“O traballo destas tres persoas sumarase ao desenvolto polos traballadores municipais e funcionarios co dobre obxectivo de mellorar a súa situación laboral neste tempo e tamén ofrecer apoio nos servizos que prestamos á cidadanía. As novas incorporacións enriquecen o traballo diario e agardamos que o seu paso por Ponteareas sexa satisfactorio”, explica a alcaldesa.

“+Emprega” é unha iniciativa integral e estratéxica para o emprego e o desenvolvemento económico na provincia, co principal obxectivo de promover a inclusión social e o desenvolvemento económico e social a través da creación de emprego de calidade e do fomento da empregabilidade das e dos cidadáns.

A concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas, sinala a importancia que ten para toda a sociedade a promoción do traballo e que dende o seu departamento colaboran, establecen alianzas e solicitan todas os programas posibles.

Grazas a esta actitude activa Ponteareas conta hoxe xa co segundo obradoiro de emprego, o segundo PIE, o primeiro obradoiro de emprego xuvenil e o programa xuventude mentoring na empresa.

Este proxecto ten como obxectivo dotar as e os mozos desempregados e, en xeral, as persoas desempregadas da provincia, dunha primeira experiencia profesional para que adquiran competencias e habilidades sociais e profesionais, empatía, creatividade, dotes de liderado e capacidade de adaptación, entre outras calidades relacionadas coa actitude da persoa traballadora.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.