Ponteareas anuncia un masterclass na Primeira Residencia Artística ArtisTea

Será impartido por Lucía Aldao, gañadora dun premio Martin Códax

Ponteareas | A coruñesa Lucía Aldao será a responsable de ofrecer a masterclass da primeira Residencia ArtisTea, así o informou a alcaldesa, Nava Castro. As e os residentes contarán cunha sesión na que a poeta escénica e música conversará sobre os seus proxectos e falará sobre a súa propia traxectoria. Ademais, a parte final da masterclass será aberta á comunidade, para que a veciñanza de Ponteareas que así o desexe poida beneficiarse.

A Residencia ArtisTea de Artes e Pensamento é unha iniciativa do goberno de Ponteareas co obxectivo de fortalecer o tecido social e cultural de vila, enriquecer a comunidade e contribuír a aumentar o corpus de creación e coñecemento sobre a vila e o seu patrimonio material e inmaterial.

Por isto, e tendo en conta a tradición de Ponteareas nestas disciplinas, escolleuse para esta primeira edición orientar a convocatoria cara á música, a poesía, as artes performativas, e calquera forma de hibridación entre elas.

A Residencia ArtisTea encherá de vida a Praza Maior e contorna “ao atraer novos talentos pero tamén recoñecidos creadores que coñecerán a historia e sinais de identidade da nosa vila e deixarán as súas creacións, compartirán coñecementos e establecerán unha relación social e profesional con creadores locais e coa cidadanía en xeral”, explica a alcaldesa.

A Residencia ArtisTea é pioneira no territorio galego pola súa titularidade 100% pública, que inclúe a restauración dun edificio propio con taller de artes plásticas, espazo de gravación e sala de ensaio, así como polo seu carácter inclusivo e con vontade integradora entre as artes e a comunidade.

Ampliado o prazo de presentación de candidaturas
O Concello de Ponteareas comunica que vén de ampliar o prazo de presentación de candidaturas ata o día 20 de setembro. As bases están dispoñibles na sede electrónica do Concello, ou nas redes sociais da Residencia (@artistea.residencia.ponteareas en instagram e Artistea Residencia en facebook), a través das cales tamén é posible realizar calquera consulta.

As persoas interesadas terán que presentar unha memoria do proxecto a desenvolver na residencia, unha breve mostra do seu traballo artístico e unha carta de motivación; que pode enviarse por correo postal ou presentarse no Concello de Ponteareas.

Poderán concorrer en solitario ou en grupos de ata 3 persoas por proxecto, terán acceso durante 7 días a aloxamento con pensión completa no edificio da Residencia (restaurado ex-profeso para acoller estes programas) durante eses días.

Ademais da masterclass con Aldao, contarán con espazos de traballo adecuados ás necesidades das súas disciplinas, seguimento e acompañamento diario dos traballos, e saídas e actividades culturais no Condado que serán deseñadas para favorecer aos proxectos artísticos, ademais dunha saída ao espazo termal de Teáns-Oleiros.

Haberá un máximo de 8 persoas seleccionadas, con 2 prazas que se reservarán con preferencia: unha para persoas con diversidade funcional motora, psíquica ou sensorial debidamente acreditada, e outra para persoas residentes na comarca do Condado.

Lucía Aldao
Lucía Aldao é un dos principais nomes da cultura galega actual. De vocación multidisciplinar, a súa carreira combina a poesía escénica, música, humor, e guión; que converxen en Aldaolado, o dúo poético que mantén desde 2005 coa tamén escritora María Lado. Con foco na oralidade, e polo tanto inédita durante boa parte da súa carreira, é autora dos libros Todo isto antes era noite (Apiario, 2018) e Ninguén morreu de ler poesía (Xerais, 2020), asinado por aldaolado. Desde 2021 desenvolve PAVA, o seu proxecto musical en solitario, co que obtén o Premio Martín Códax á mellor banda de indie/pop en 2024.

Residencias artísticas
As residencias artísticas son programas culturais que implican unha colaboración entre artistas e organizacións anfitrioas, institucións ou comunidades. Comezaron a popularizarse a partires de 1960, e dende 2010 son unha parte fundamental para o impulso das carreiras artísticas de creadoras e creadores en todo o mundo.
Estes programas ofrecen aos e ás artistas espazo e recursos para apoiar a súa práctica artística, lonxe das rutinas e restricións da súa vida cotiá. Ao vincular a práctica das artes e o pensamento cunha localidade concreta, a comunidade que recibe aos artistas e pensadores vése fortalecida. Diferentes estudos demostran que, nas comunidades nas que se insire unha residencia artística, percíbese un aumento da sensibilidade cara ás artes, así coma da cohesión social, o coidado e a creatividade.