Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, ofreceu no día de hoxe unha rolda de prensa para informar dos usos que terá o edificio da Residencia de Artistas e Pensamento que tamén será sede da extensión local da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).
Acompañada do subdirector de UNED Pontevedra, Alfonso Vázquez Reboredo, e de Rafael Cotelo Pazos, coordinador de Extensión Universitaria, Actividades Culturales y UNED Sénior; ademais do concelleiro de Ensino, Ricardo González e da concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, a alcaldesa salientou o importante papel que terá para Ponteareas a Residencia de Artistas e Pensamento e a sede da UNED ao promover o estudo e investigación, actuar como dinamizador social e económico, completar a formación da cidadanía a calquera idade e supor unha plataforma de lanzamento de novos talentos.
Este novo espazo beneficiará a toda a cidadanía non só de Ponteareas, tamén da comarca que poderá participar nas accións de formación ofrecidas pola UNED para todas as idades. “Será un novo servizo público que dará oportunidades para mellorar o currículo, obradoiros nos que aprender e encher de calidade o tempo libre, conectar ás persoas a través do coñecemento e reactivará a vida na Praza Maior”, sinala a alcaldesa.
No encontro, alcaldesa e responsables da UNED adiantaron as posibles vías de colaboración que se poden xerar ao conectar a creadores, formadores, alumnado e cidadanía en xeral. A sede da UNED e Residencia de Artistas promoverá ademais o emprego e a inserción laboral non só por formar ás persoas tamén pola contratación de docentes da zona.
Informaron os representantes da UNED que nestes intres xa hai 170 persoas participando nos diferentes cursos que se están impartindo. Actividades formativas para séniors, mocidade ou persoas en idade laboral.
A previsión do grupo de goberno e que este novo espazo público poida entrar en funcionamento para os cursos de verán que a UNED ten programados, iniciativas que ademais teñen unha función social ao promover hábitos de vida saudables e fomentar as relacións sociais.
Multidisciplinar, de titularidade pública e de uso gratuíto para as e os pensadores e creadores a Residencia de Artistas será un motor que impulse o estudo de múltiples disciplinas creativas, programando tamén iniciativas que centren estas investigacións no patrimonio material e inmaterial do concello.
“Na provincia non existe ningunha destas características. En Galicia hai algunhas pero son privadas ou programas públicos fóra da nosa provincia que están orientadas a persoas con traxectorias moi dilatadas na maioría dos casos. Nós contaremos con este perfil de creadores pero sobre todo queremos dar oportunidades e ofrecer un espazo para as persoas que están comezando, que poderán traballar nos seus proxectos asesoradas e acompañadas”, matiza a alcaldesa que engade que “Para pór en valor o noso patrimonio material e inmaterial é necesario financiar e promover espazos nos que diferentes axentes culturais teñan a posibilidade de pensar e crear sobre el”.
Ubicada na Praza Maior permitirá que persoas creativas e expertas afonden e investiguen sobre o noso patrimonio histórico, artístico, gastronómico, etnográfico, ou literario pero tamén nas nosas señas de identidade, na orixe e tradicións arraigadas e singularizan á vila (arte floral, música, ranchos de reis, artesanía gaiteira, cultura do viño, doces…) A residencia ofrecerá pensión completa e asesoramento de técnicos artísticos e culturais, incluíndo masterclasses con artistas e pensadores de recoñecido prestixio nos eidos de traballo das persoas residentes. Cada trimestre convocaranse propostas e as e os residentes poderán empregar as instalacións ao longo dunha semana.
A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, sinala que no mes de agosto o Ministerio deu luz verde á proposta realizada polo goberno de Pontereas “e non perder así os Fondos EDUSI que non tiñan destino non tendo un orzamento que se axustase á realidade do custo das propostas, como por exemplo á que tiñan deseñada para este edificio, unha obra á que lle asignaron un custo inicial de 1.100.000€, máis 250.000 € da compra do edificio e un gasto de 170.000€ en equipamento. Un total de 1.520.000€ para o que so tiñan reservados 700.000€ de fondos EDUSI”.