Ponteareas | O goberno saca adiante cos seus votos e o apoio de Esquerda Unida e cos votos en contra do Partido Popular e ACIP a aprobación da solicitude de 600.000€ ao Fondo de Cooperación da Xunta para a adquisición da casa cultural de Pías, o centro de emprendemento da Praza Maior e a rehabilitación e mellora enerxética do conservatorio, da biblioteca e da escola infantil.
Coa abstención de EU e o voto de calidade do Alcalde aprobouse tamén solicitar a este mesmo fondo a financiación precisa para a adquisición do inmoble na parroquia de Pías para a conversión en casa cutural.
A concelleira Verónica Carrera explicou no pleno celebrado onte martes que se trata dunha demanda histórica da veciñanza de Pías que, tras anos de diversos intentos por parte das xuntas directivas da comunidade de montes e da Asociación de Veciños, hoxe por iniciativa deste goberno e pola boa xestión económica están en disposición de satisfacela.
Carrera pedíu no pleno o apoio para poder adquirir este inmoble que se ubica ao lado do torreiro da igrexa do outro lado do campo de San Benito.
O Alcalde rebatiu o argumento da oposición que sinalaba que estes préstamos por valor total de 600.000€ endebedaría ao concello durante oito anos explicando que se trata de préstamos con condicións especias e sen intereses para a adquisición de infraestruturas que comezarán a dar servizo aos veciños e que se desfrutarán durante moito tempo.
En concreto o apoio financeiro solicitado para as dúas prantas do centro de emprendento é 156.364,96€; para a casa cultural de Pías 150.000€, para a mellora da biblioteca 69,233,16€, mellora do conservatorio 117.440€ e escola infantil 194.342€. 597.379,12€
Represas recordoulle á oposición que o goberno aínda paga a día de hoxe préstamos adquiridos con anteriores gobernos e que moitos deles rematan no 2023.
“Entre outros préstamos con intereses adquiridos polos gobernos anteriores e que seguimos pagando, está o asinado en 2013 por Solla e Villar para gastos correntes e aínda a día de hoxe estamos pagando as orquestras das festas dos Remedios de 2013 e que prevemos cancelar co resultado positivo do pasado ano xa que teñen intereses”.
A corporación aprobou por unanimiade a proposta do goberno de pequenas reformas de mellora nas casas culturais de Areas, Cristiñade e Moreira defendidas pola concelleira Hortensia Bautista e que suman un total de 20.000€
Tamén foi aprobada por unanimidade a moción presentada por ACIP para instar ao goberno a modificar a ordenanza fiscal da taxa por licencias de apertura e cambio de titularidade.
A proposta de EU de reprobar ao concelleiro de Servizos Sociais pola súa xestión, foi aprobada cos votos da oposición, aprobación que non terá efectos xurídicos. O concelleiro Manolo Troncoso explicou no pleno que houbo un erro nunha comunicación aos beneficiarios do banco de alimentos que foi solventado de inmediato sen ter repercusión algunha.
O pleno tratou tamén outros rogos do PP concluíndo a sesión plenaria con todos os puntos da orde do día tratados.