Ponteareas | O Concello de Ponteareas, a través de resolución de Alcaldía, vén de aprobar as bases reguladoras de subvencións incluídas no Programa de Axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de Barrio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que poden chegar ata 30.000 euros.
O obxecto das axudas é a achega de financiación aos veciños e veciñas que leven a cabo obras de mellora da eficiencia enerxética nas súas vivendas, especialmente na envolvente dos edificios residenciais ou vivendas unifamiliares localizadas no ámbito da contorna Residencial de Rehabilitación Programada do Concello de Ponteareas ou ERRP Zona Vella de Ponteareas.
Poderán beneficiarse destas axudas todas aquelas persoas físicas e xurídicas que non desenvolvan actividades económicas e concederanse segundo a orde de presentación da documentación completa segundo as zonas de actuación prioritarias, comezando pola Fase 1 ata a Fase 3, e ata esgotar o crédito dispoñible e tendo seis meses para a presentación da documentación como período máximo para cada fase.
Para dar solventar as dúbidas que poidan xurdir entre os veciños e veciñas que poden acollerse a estas axudas, o Concello ten previsto levar a cabo unha xornada informativa antes do Nadal que será oportunamente dada a coñecer para chegar ao maior número de persoas posible.
Un dos obxectivos do actual grupo de goberno é a recuperación do núcleo antigo da vila, coa recuperación da contorna e a súa posta en valor, e fomentando a fixación da poboación nesta área, unha meta que se apoia nestas axudas así coma en outras actuacións que xa se están a levar a cabo.
Toda a información relativa a este programa de rehabilitación estará dispoñible para a súa consulta no Taboleiro de Anuncios do Concello de Ponteareas, e tamén na páxina web municipal. Este programa está financiado pola Unión Europea a través dos Fondos Next Generation e xa está publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra da Deputación Provincial, polo que dá comezo o período de exposición pública á cidadanía.
Ligazón ás bases reguladoras no BOPPO:
https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2023/12/01/2023072447
Ligazón ao expediente no Sistema Nacional de Publicidad de Subvenciones y Ayudas Públicas:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatorias/730237
Novo Centro de Emprendemento e coworking
O Concello de Ponteareas ultima a posta en funcionamento do novo Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Espazo de Coworking, que será inaugurado nas vindeiras semanas. Como paso previo, o pleno da corporación aprobou a ordenanza reguladora do prezo público dos espazos que os emprendedores e emprendedoras da vila poderán utilizar para asentar os seus proxectos de negocio.
Este centro será unha infraestrutura clave para a formación e o emprendemento empresarial, aportando os espazos necesarios para o tecido empresarial de Ponteareas, especialmente dirixido a empresas emerxentes, startups, pemes e profesionais autónomos.
Os prezos acordados pola corporación municipal son:
Posto Viveiro de Empresas: 60 euros/mes
Espazo de Co-Traballo: 25 euros/mes
Sala de Reunións: 20 euros/hora
Sala de Formación: 150 euros/sesión
Sala de usos múltiples: 150 euros/sesión
Todos os espazos e salas do centro estarán dotados de impresora, fotocopiadora, rede wifi e conexión por cable, zona común de descanso con neveira e microondas e destrutora de papel. Ademais, a sala de formación e a sala de reunións están equipadas cunha pantalla táctil con equipamento ofimático, taboleiro dixital e videoconferencia.
Unanimidade para a rede de saneamento en Ribadetea
No marco desta mesma sesión plenaria ordinaria, o goberno aprobou o Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para acometer e incorporar ao patrimonio público municipal a actuación “Rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido. Parroquia de Ribadetea”.
A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, acometerá unha obra de gran relevancia para os máis de 1.000 veciños e veciñas desta parroquia, que ata agora tiñan importantes dificultades para contar con este servizo ao non contar coa infraestrutura axeitada. O Concello de Ponteareas, no seu compromiso coas parroquias, promove esta actuación conxunta entre ambas administracións que permitirá a construción dunha rede que solucione as limitacións existentes e poña fin ás demandas da cidadanía. En virtude do convenio entre Concello e Augas de Galicia, o organismo autonómico aportará 1.335.797,35 euros e o Concello 333.949,33€, para unha actuación global de 1.669.746,68 euros, que será cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia. Todas as forzas políticas con representación no pleno municipal apoiaron esta proposta do equipo de goberno, que da cumprimento ao seu compromiso prioritario nesta materia cos veciños e veciñas desta parroquia.