Ponteareas aproba un Orzamento 2025 de máis de 20M€

Incrementando un 6% co foco no gasto social e na revitalización económica

Ponteareas | O Concello de Ponteareas aprobou hoxe no pleno da Corporación o orzamento para o ano 2025, un orzamento equilibrado en gastos e ingresos que se incrementa nun 6% situándose 20.573.170,33 euros. O orzamento de Ponteareas aposta pola reactivación económica da vila e por políticas sociais que favorezan aos que máis o precisan cunha estratexia que se abordará dende distintas áreas do goberno.

Programas de emprego, creación do primeiro espazo Café Calor para emerxencia social, desenvolvemento da Lomba, rehabilitación de dúas vivendas sociais, programas de axudas para alugueiro para a transformación de baixos en vivenda no centro urbano e no rural alugueiro de vivenda baleira, aumento do investimento no SAF dun 75%, un aumento do 10% para axudas de emexencia social, aumento do 50% da partida para área de Cultura, aumento do servizo Xantar na Casa e inxección en iniciativas de promoción do comercio, nova escola infantil, nova ludoteca, novo mercado de abastos e novas rutas para a práctica deportiva ademais de novas infraestruturas para o deporte base son algunhas das liñas do documento.

Para a reactivación económica o goberno seguirá apostando pola formación para a inserción laboral, por embelecer a vila e dotala de infraestruturas e unha programación de lecer que atraian o interese tanto das veciñas e dos veciños como das persoas de fóra. As medidas contempladas no orzamento van dende o impulso do solo industrial da Lomba para que as empresas poidan asentarse e medrar en Ponteareas ofrecendo emprego a accións de promoción da vila como a solicitude do selo de “mercado de excelencia” que o Concello promoverá para o Mercatea.

No ano 2025 construirase o novo Mercado Municipal Mercatea cun apoio da Xunta de Galicia de 800.000 euros, humanizarase a contorna do Concello cun investimento de 1.130.000 euros, construirase a nova escola infantil, abrirase a nova ludoteca e contarase cun servizo de poda e mantemento de espazos verdes. Tamén se executarán as obras de mellora da residencia de maiores cunha partida de máis de 900.000euros.

Obradoiros duais de emprego que oferten modalidades demandadas polo sector, promover un segundo plan xuventude mentoring na empresa e un nov obradoiro de emprego xuvenil ademais de continuar os programas integrados de emprego son algunhas das medidas que seguirá desenvolvendo o goberno.

O orzamento de 2025 contempla un investimento de 400.000 euros para a mellora do cemiterio municicipal e o contrato dun servizo de limpeza de cunetas para maior seguridade na circulación e no día a día das veciñas e veciños sobre todo das 24 parroquias para que tamén sexa atractivo vivir no rural. No rural tamén se mellorará a seguridade coa contratación dun servizo de limpeza de biomasa forestal.

A promoción de hábitos de vida saudables tamén ten un oco no orzamento para o vindiero ano, nesta liña crearánse sendas peonís na contorna da estrada de Fontenla 730.000 euros, apostarase pola mellora e posta en valor da Freixa, un espazo de lecer axeitado para o deporte e no que se pode adestrar en diferentes disciplinas e consolídanse as actividades gratuítas de marcha nórdica. Por útimo manteranse as axudas aos clubs e escola deportivas cunha partida de 200.000€.

Tamén se renovarán os convenios con AFAGA, Cruz Vermella e Avelaíña que traballan con proxectos para previr o Alzheimer, a soedade non desexada e a saúde mental. O orzamento de 2025 contempla obas de melloras nos centros educativos, o desenvolvemento de campamentos de conciliación familiar e laboral e a potenciación do voluntariado xuvenil e interxeracional, ademais da creación dun programa de actividades de verán para xuventude e a realización de obradoiros ao longo de todo o ano que potencien as disciplinas do concurso Talento Xove.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.