Candidata polo Partido Popular nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio, Nava Castro Domínguez volve a gobernar a Corporación Municipal de Ponteareas dende o pasado 17 de xuño, desta vez en minoría. Con anterioridade foi alcaldesa da vila do Tea durante o período 2000-2003.
Volve ao goberno municipal, esta vez en minoría. Como afronta esta nova etapa política?
Afronto con moita ilusión e sendo consciente de que estamos en minoría e que temos que acadar acordos, e se son por consenso maioritario moito mellor, para poder sacar adiante os temas de interese xeral. Con moito traballo que facer, con moitos proxectos e coa man tendida para aqueles que se queiran sumar ao noso proxecto.
Precisamente xa houbo problemas no primeiro pleno.
Éramos conscientes diso.
“Afronto con moita ilusión e sendo consciente de que estamos en minoría e que temos que acadar acordos”
Non houbo acordo con ACiP como todo mundo esperaba. Xa no primeiro pleno as propostas que Vde. presentou foron rexeitadas. Como prevé solucionar ese tema?
En realidade foron retiradas da orde do día as propostas que non foron aprobadas. Rexeitadas aínda non foron. Quedamos en ter reunións para alcanzar un consenso e levalas ao seguinte pleno. Pretendo entón consensualas para levalas ao seguinte pleno, por seguridade.
Durante a campaña electoral foi visible a tensión política en Ponteareas, isto púxose de manifesto no primeiro pleno que non poido aprobar a proposta que Vde. plantexaba. Ten algún ungüento de fierabrás para solucionalo?
Poder chegar a un consenso con tódolos grupos políticos ou coa maioría. O noso compromiso foi falar cos distintos grupos para dar con ese consenso e para ter, segundo o que manifestou o BNG na súa intervención, un consenso pero non só de lexislatura senón para que cada grupo que goberne teña a seguridade de que vai ser apoiado.
O que cobraba o equipo de goberno anterior non lle resulta suficiente?
Si que resulta. A cuestión foi que non aprobaron.
Non aprobaron porque había un incremento.
Non, ao contrario nós reducimos.
A información que eu teño é que Vde. quere aumentar o soldo en 8.000 euros anuais e o/as concelleiro/as con dedicación exclusiva tamén aumentarían os seus salarios.
Si pero minorando as dedicacións exclusivas. Se eles contaban con 9 dedicacións, nós non temos esas nove dedicacións.
Si, efectivamente non aumenta o gasto global; a oposición pregunta: se son menos van traballar mais?
Si, pero o que quixen dicir na miña intervención antes de retirar a orde do día foi facer memoria histórica. E a memoria histórica era: no ano 1999 os partidos de oposición puxeron o alcalde que cobraba 47.000€. Se aplicamos o que nos está a pedir Manoel Ucha, de Esquerda Unida-Podemos, sobre a subida do IPC, a nosa petición estaría por debaixo desa cantidade. Nós o que estamos a solicitar é unha media do que cobran os titulares das Alcaldías dos Concellos maiores de 20.000 habitantes. Lembremos que nós estamos nunha Alcaldía das maiores de 20.000 habitantes.
A solución a iso cal é? Rebaixa de cantidades? Aumento de asignacións?
Iso levareino a pleno. Logo será aceptado ou non. A maioría manda.
Pero iso está sen tratar aínda, non?
Claro, estamos niso.
“Economicamente nós propoñemos aprobar o Plan Parcial de A Lomba para dar un pulo á inseguridade xurídica a todas as empresas que están aí radicadas”
Que políticas pensa aplicar para que Ponteareas sexa un centro económico e cultural? No eido cultural lembro aquí unha proposta do PSOE de facer de Ponteareas o “Salzburgo de Galicia”. Vde. que propón?
Economicamente nós propoñemos aprobar o Plan Parcial de A Lomba para dar un pulo á inseguridade xurídica a todas as empresas que están aí radicadas. Para elo temos unha Concellería de Emprendemento e de Empresas para darlle oportunidades a todas aquelas persoas que precisen un posto de traballo aquí con distintos incentivos.
Co respecto á cultura temos aquí referentes como Reveriano Soutullo, Rogelio Groba, as bandas populares que son marabillosas, as corais, as pandereiteiras, os grupos folclóricos, etc. Temos entidades suficientes para encher o ano de actividades culturais.
Existe a posibilidade de creación dun órgano que abarcara todas as entidades culturais con capacidade para levar a cabo ese programa? Digo isto porque dende sempre a miña teima é que todo o que ocorre neste municipio practicamente non existe nada no eido cultural ou deportivo que non sexa organizado dende Poder Local. Igualmente pregunto por qué Ponteareas non ten unha delegación da UNED como si teñen O Porriño e Tui?
Nós temos deseñada a programación cultural de todo o ano con distintas actividades. Igual que contamos cun Consello Escolar pódese contar con ese órgano que ti propós para poder falar das distintas programacións. En canto á delegación da UNED, eu son partidaria diso. É moi importante. Pero todo depende se me deixan facelo.
Recentemente Ponteareas ten sido recoñecida a nivel internacional polas súas políticas de humanización urbanística (Ponteareas Hábitat Saudable), pero segundo as miñas informacións o equipo de goberno xa está facendo cambios. Podería explicarnos?
O primeiro que imos facer (este mércores 12 de xullo) é a apertura da rúa Vidales Tomé que vai do Centro Sportivo ata a Praza de Abastos e o Auditorio. Iso xa estaba recollido na EDUSI nos tempos do difunto Xosé Represas, pero non se levou adiante.
Estes días fun informado que existe unha demanda xudicial contra o goberno municipal referida aos terreos do actual aparcadoiro Sarmiento porque existe un incumprimento respecto ao PXOM. Coñece este problema?
Si teño coñecemento pero teremos que agardar pola decisión xudicial.
Sería posible dedicar esa casiña recuperada da outra parte do aparcamento Sarmiento para a Oficina de Turismo?
Podería ser cando teñamos actividades suficientes para ser Oficina de Turismo. Pero polo de agora non temos tantas actividades.
Pero hai Concellos máis pequenos que Ponteareas que teñen Oficina de Turismo?
Falas de turismo dos distintos recursos ou das actividades?
Refírome a un punto de información para visitantes, estudantes, investigadores, etc, que puideran ter aí material suficiente para coñecer Ponteareas e a comarca.
O punto de información de turismo está na Biblioteca, que é onde a centralizaron. Nós estamos agora vendo onde poden estar os mellores servizos. Temporalmente este verán vai esta un punto de información na Freixa para dar a información sobre todo o que ten que ver co Condado Paradanta e o noso Concello.
Por outra banda, Vde. ofreceu un novo aparcamento. Onde sería?
Sería na Praza Santa Ana detrás da Praza Maior. Con entrada pola N120 e saír por arriba. Todo iso sería subterráneo e con capacidade para 500 prazas.
“O novo aparcamento sería na Praza Santa Ana detrás da Praza Maior”
Iso faríao o Concello?
Temos que velo co Plan Xeral. Pero si estaría impulsado polo Concello.
Vde. prometeu 2 Centros de Día, un en Guláns e outro en Xinzo. Son promesas electorais ou ten algo de realidade?
Non. Van ser unha realidade. E aparte teño o compromiso da Conselleira da Xunta.
No caso de Xinzo está implicada a Comunidade de Montes?
Si porque os terreos serían deles. Existe un Plan Director pero temos que ver en que situación urbanística está para que poidamos construír ese Centro de Día. En Guláns sería no Centro Cultural onde está o Parque da Avisoureira.
Coméntase nos mentideiros locais que a localización do novo Centro de Saúde quedaría fronte á actual Clínica San Miguel.
Si, onde estaba Carballido Sport.
Iso ten algo que ver con que Concelleira sexa parella do dono desta clínica?
Non, ten que ver cos terreos. Ten que ver onde haxa un terreo que permita 10.000m2 como mínimo mais o aparcadoiro; que haxa equipamentos deportivos, etc. A circunvalación pasaría por detrás e tería enlace coa autovía, entroncaría con toda a comarca, por iso agardamos que gañe Feijóo nas eleccións xerais para que a circunvalación na N120 sexa unha realidade e poidamos avanzar.
“En tres meses poder ter BIC para o Corpus”
Cando podemos esperar que o Corpus sexa recoñecido como BIC? Antes do próximo Corpus?
Si, eu creo que en tres meses poderíamos disfrutar dese importante recoñecemento.
Isto ten algo que ver coa política, co resultado das eleccións?
Para nada. O expediente de Interese Cultural está promovido polas Asociacións de Alfombristas. Por iso non ten nada que ver a política. Digo isto para que quede claro.
Algunha novidade máis?
Estamos impulsando a Residencia de Artistas. Que sexa un referente a nivel comarcal para escritores, músicos, que queiran vir e ter ao alumno para practicar, interactuar. Como fai o Festival Groba. Organizar concursos literarios. E tamén con deportistas profesionais pero sen que coincidan coas actividades dos artistas. Sempre pensando en valorizar o noso patrimonio.
Sería un proxecto pioneiro na Comarca?
Si porque só existe un na Coruña e outro no Náutico do Grove.