Ponteareas | A concellaría de Ensino, que dirixe a tenente de alcalde Cristina F. Davila, mantivo onte unha xornada de traballo coa mesa de coordinación interna de políticas da infancia para concretar as bases do futuro Plan Municipal de Infancia e Adolescencia.
Esta mesa de coordinación formada por técnicos municipais das áreas implicadas e polos técnicos responsables do proxecto estudou o informe DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades) para deseñar as solucións que aproveiten ao máximo os nosos puntos fortes e recursos.
Desta reunión sairá o primeiro Plan Municipal da Infancia e Adolescencia de Ponteareas, un plan que parte do principio do máximo respecto a cada neno/a e a cada adolescente con medidas específicas que loiten contra a discriminación e persigan unha sociedade en inclusión e igualdade. O Plan esixirá que a voz da infancia e da adolescencia se teña en conta nas decisións políticas, no deseño do futuro do concello e mesmo nos orzamentos municipais fomentando a participación real e significativa.
Ademais, o noso Plan da Infancia e Adolescencia está caracterizado por medidas de protección, de fomento da autonomía e dun deseño de cidade que promova hábitos saudábeis e sustentábeis. Por suposto, o Plan de Ponteareas garantirá espazos para que gocen do xogo, do lecer e da vida en sociedade sempre adaptado ás normativas, en cada momento, de seguridade sanitaria.
Os retos que pretende conseguir baseánse nunha educación en valores de respecto, de igualdade, de solidariedade e de non violencia. A inclusión social dos máis desfavorecidos, a participación estable, unha oferta cultural, deportiva e lúdica variada e deseñada por e para eles e acadar unha vila sostíbel completan a listaxe de retos nos que o goberno local leva traballando nos últimos anos e agora comeza a implantar.
Cristina F. Davila suliñou a importancia de que lideren o Plan a propia infancia e adolescencia “cos que xa traballamos dándolles as rendas do seu futuro, anotando as súas suxestións e tomando nota das súas preocupacións e necesidades coa colaboración do Consello da Infancia e Adolescencia sempre co obxectivo de que na súa cidade atopen cubertas as principais demandas formativas e de lecer”.