Ponteareas, capital internacional da formación futbolística

Celebrou as VI Xornadas de Actualización e Reciclaxe de Adestradores organizadas pola Real Federación Galega de Fútbol

Ponteareas | Este 25 de novembro, e ante 400 adestradores e técnicos de diferentes divisións futbolísticas a nivel galego e estatal, Ponteareas converteuse no centro internacional da formación futbolística. Organizado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) coa colaboración do Concello, a vila do Tea celebrou no Auditorio Reveriano Soutullo a VI Xornada de Actualización e Reciclaxe para Adestradores de fútbol.

O evento contou coa participación de notorias figuras do mundo do fútbol, sendo estes o actual seleccionador de Portugal, Roberto Martínez; o ex futbolista Eusebio Sacristán; o actual adestrador do R.C.D. Celta de Vigo, Claudio Giráldez; e o director deportivo da Real Sociedad, Roberto Olabe. No acto tamén estiveron presentes o presidente da RFGF, Rafael Louzán, así como a Alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro e o tamén adestrador Iván Cancela.

O prestixio dos participantes era indubidable. Antes de dirixir a Portugal, o adestrador de orixe catalán Roberto Martínez estivo sete anos ao fronte da selección belga. Entre 2019 e 2021, Martínez alcanzou un récord, mantendo consecutivamente ao combinado belga no primeiro lugar do ránking da FIFA como a mellor selección do mundo. Con Martínez na bancada, Bélxica alcanzou o terceiro lugar no Mundial Rusia 2018, a mellor actuación mundialista dos denominados “Demos Vermellos”.

Durante ese tempo, Martínez adestrou a figuras da elite futbolística como Kevin De Bruyne, Eden Hazard e Stepháne Courtois. Desde 2021 é o seleccionador de Portugal, á que dirixiu na pasada Eurocopa de Alemaña alcanzando os cuartos de final adestrando a xogadores da talla de Cristiano Ronaldo, Pepe, Bernardo Silva, Bruno Fernandes e João Félix. En Ponteareas, Martínez falou da súa experiencia internacional.

Pola súa banda, o vitoriano Roberto Olabe foi xogador do Alavés, do Salamanca e da Real Sociedad. Como adestrador estivo a maior parte da súa carreira vinculado ao clube donostiarra, aínda que tamén estivo ao fronte do Almería. A nivel internacional tomou as rendas da selección Sub 19 de Qatar e xa como director deportivo estivo no Independiente del Valle de Colombia e no Valladolid. Olabe falou na súa charla dos atributos dun modelo de adestrador.

Un palmarés igualmente relevante ten o pucelano Eusebio Sacristán, un dos piares no centro campo do “Dream Team” de Johan Cruyff ao fronte do Barça da década de 1990. Con 543 partidos, Eusebio é o quinto xogador con maiores partidos oficiais na Liga española. Estivo tamén no Valladolid, no Atlético de Madrid, na Real Sociedad e no Celta de Vigo, club no que tamén foi adestrador no ano 2009. Tamén formou parte do corpo técnico do Barça dirixido polo holandés Frank Rijkaard que tivo a xogadores como Ronaldinho, Eto’o, Messi e Puyol, entre outros. Foi adestrador do Girona F.C, club co que alcanzou a semifinal da Copa do Rei en 2018. En 2003 creou a Fundación Eusebio Sacristán para favorecer a práctica deportiva entre as persoas en risco de exclusión social.

Pola súa banda, o ex futbolista César Giráldez é o actual adestrador do R.C.D. Celta de Vigo, con traxectoria futbolística nas canteiras do Real Madrid e do Atlético de Madrid e como xogador no Pontevedra, Ourense, Porriño Industrial e Coruxo. Foi tamén adestrador do Gran Peña. Tanto Giráldez como Eusebio levaron a cabo a mesa redonda desta xornada de formación.

O evento realizou igualmente unha homenaxe a dez Adestradores de Honra da Delegación de Vigo, así como tivo o seu momento emotivo cunha lembranza para as vítimas das recentes inundacións da DINA en Valencia. O interese por este evento foi abafante, segundo palabras do concelleiro de Deportes de Ponteareas, Luis Rodríguez, quen destacou a importancia da celebración desta xornada que atraeu a profesionais do mundo futbolístico e que pechou a inscrición o mesmo día da súa apertura.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.