Ponteareas celebra o seu pleno infantil

No marco do Día Mundial da Infancia

Ponteareas | Na semana na que celebramos o Día Mundial da Infancia o Concello de Ponteareas celebra o seu pleno infantil no que escoitar e recoller as demandas das nenas e dos nenos e das mozas e mozos aínda que está non é a única vía para a comunicación directa co goberno e así o quixo recalcar a alcaldesa Nava Castro, “estamos abertos a escoitarvos ao longo de todo o ano e para iso puxemos en marcha o programa Conecta Xoven para escoitarvos e para ter en conta todas as vosas necesidades e suxestións e deseñar así unha vila amiga da infancia non conformándonos tan só cun título”.

A voz da infancia e da xuventude encheu o salón de plenos da Casa do Concello coas intervencións de Cecilia e Lucas do CEIP Feliciano Barrera; Mía e Brian CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera; Casandra e Juan do CEIP Santiago Apostol; Paula e Lea do CPR Plurilingüe La Inmaculada; Gabriel e Erea do CPR Plurilingüe Santiago de Oliveira; Hugo e Evelyn do IES Barral; Bibi e Mateo do IES Pedra da Auga e Laura e Noela do IES Val do Tea.

Tamén interviñeron os concelleiros de Xuventude, Cristian Estévez, a concelleira de Benestar Social, Raquel Planas, o concelleiro de Ensino, Ricardo González e os concelleiros da oposición Manoel Ucha, Vanesa Fernández e Miguel Bouzó, ademais da alcaldesa e profesorado que formaba parte do público.

Máis canles de participación como encontros programados, unha aplicación propia da infancia para trasladar necesidades, canles de difusión específica con temas de interese infantil, unha pasarela de acceso ao IES do Barral, un pavillón para o CEIP Feliciano Barrera que tamén poida usar a veciñanza, melloras de pavimentación e sinalización nos accesos aos centros, participación a través da creación de murais, un complexo de piscinas públicas abertas ao exterior, programas de apoio para unha mellor saúde mental e un redeseño dos métodos de participación foron algunhas das cuestións trasladadas.

Concelleiras e concelleiros da Corporación eloxiaron as intervencións do alumnado e salientaron non só a importancia das súas aportacións se non tamén o seu talento na exposición. “A infancia é para este goberno fundamental e por iso queremos darlle voz e potenciar a súa participación. Xuventude e infancia son o presente e tamén o futuro, apostamos pola súa formación, por apoios para introducilos no seu primeiro emprego e tamén por unha programación que sexa do seu gusto e que atopen na súa vila todo o que precisan para o seu tempo de lecer e formación dentro das nosas competencias e cando non o son xestión para conseguilo”, sinalou a alcaldesa.

Punto violeta para o 25N
“Apoio as 24 horas dos 365 días do anos é o noso obxectivo” explica a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, á vez que adianta as accións que se iniciarán con motivo da celebración do 25 N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e que terán continuidade ao longo de todo o ano.

Para avanzar na igualdade o Concello de Ponteareas activará nas vindeiras semanas o punto violeta virtual para ter acceso a toda información do punto a través dun código QR específico e visible en todos os grandes eventos. Para concienciar e non baixar a garda máis aló dunha celebración o Concello xa iniciou a difusión nas 24 parroquias con folletos e pegatinas na que acceder a través dun QR á información, recursos e campaña de sensibilización. Este código QR estará nos diferentes elementos gráficos distribuídos polo centro urbano e polo rural. A campaña do 25 N contempla tamén a obra de teatro “As Formas do Amor” de María Ángeles Iglesias que terá lugar este venres 22 de decembro ás 20:30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo. Organizada pola Deputación de Pontevedra conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade.

Un photocall instalado na Praza Maior espertará a conciencia da cidadanía e recordará cada día que a igualdade é un elemento esencial para unha sociedade mellor, cousa de todos e aínda unha tarefa pendente de cumprimento.

A campaña estendese ás redes sociais con creatividades que alertan de mensaxes “lamentablemente cotiás que reflicten unha realidade e convidan a non contribuír, a non aceptar e a non normalizar”, explica a concelleira. Baixo o título de “Resúltache familiar… Así non é” a concellería quere alertar e loitar contra a aceptación de normas machistas que frean o avance hacia a igualdade e a liberdade das mulleres.

O luns 25 o Concello convida a participar na marcha pola igualdade que irá dende o photocall da Praza Maior ata o Concello de 18:30 a 19:00 horas. Ás 19:00 horas terá lugar a lectura do manifesto e a creación dun mural colaborativo no que toda a cidadanía participante poderá deixar as súas mensaxes e renderease homenaxe ás vítimas Raquel Plana explica que ademais da campaña dende o CIM trabállase a diario pola mellora da vida das mulleres ofrecendo recursos, apoio e medidas específicas para casos excepcionais.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.